O BNG leva a Burela o día 2 un dos actos centrais da súa campaña

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
1 Nov 2019

O BNG presentou o cartaz co que pedirá o voto durante a campaña electoral ás eleccións xerais do 10 de novembro. As candidatas e candidatos nacionalistas ao Congreso e ao Senado por Lugo estiveron arroupadas por militantes e simpatizantes da formación, que se marca como obxectivo “facer valer” Lugo e Galiza nas cámaras lexislativas estatais. Na súa intervención, a cabeza de lista ao Congreso, Olalla Rodil, sinalou que “debemos confiar en nós mesmas e nas posibilidades deste pais e converter esta convocatoria electoral froito da irresponsabilidade das forzas estatais nunha oportunidade para que Galiza teña voz propia en Madrid”.

O histórico déficit de infraestruturas da provincia, no que ten que ver coa rede ferroviaria e con estradas e autovías, será un dos eixos centrais da campaña da formación nacionalista que tamén reivindicará a necesidade de “ter voz no Congreso” para reclamar a derrogación da reforma laboral e a revalorización das pensións tendo en conta o incremento do IPC, impulsar unha axenda feminista que avance na prevención e tratamento da violencia de xénero e demandar unha tarifa eléctrica galega que permita que o tecido industrial e os consumidores se poidan beneficiar da produción enerxética do país. “Só se o BNG está no Congreso, os intereses de Galiza e da provincia estarán representados”, evidenciou Olalla Rodil.

Nos vindeiros días, as candidatas e candidatos do BNG percorrerán a provincia para explicar as propostas da formación de cara ao 10N. 

Os actos centrais da campaña na provincia serán o vindeiro 2 de novembro, con mítins en Lugo (12.00 horas) e Burela (18.00 horas) con presenza da portavoz nacional, Ana Pontón. 


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.16449689865112