O BNG leva ao Parlamento a situación do centro de saúde de Pol

Pol
LugoXa | TerraChaXa
Olalla Rodil esixe que se oferte a praza vacante para que poida ser cuberta de forma permanente
centro-saude-pol
31 Mar 2026

O Bloque Nacionalista Galego, a través da deputada Olalla Rodil, rexistrou no Parlamento de Galiza unha iniciativa para reclamar á Xunta que cubra de maneira permanente a praza vacante de médica/o no centro de saúde do Concello de Pol, tras a xubilación da persoa titular e a decisión do Sergas de non garantir unha substitución estable quedando só unha praza cuberta de maneira permanente.

A iniciativa foi presentada pola deputada do BNG Olalla Rodil, quen alerta de que a situación actual está a provocar, na práctica, unha merma na calidade asistencial e un recorte na atención sanitaria no municipio.

Segundo explica Rodil, na actualidade o centro de saúde conta con 1 facultativo de forma permanente e con profesionais itinerantes que acoden 3 días á semana durante 4 horas, o que está a xerar unha enorme incerteza entre a poboación. Estase cubrindo con 12 horas o traballo que facía un médico a tempo completo. “A veciñanza de Pol nunca sabe con quen se vai topar na consulta pois estes facultativos son itinerantes o que provoca incerteza e unha situación absolutamente inaceptable nun servizo público esencial”, denunciou.

A deputada nacionalista advertiu de que esta falta de cobertura estable obriga ás persoas usuarias a “agardar sen saber cando poderán ser atendidas ou desprazarse ao PAC de Meira para recibir asistencia sanitaria”, unha alternativa que resulta especialmente complicada nun concello rural e envellecido.

“Estamos a falar dun municipio no que moitas persoas maiores non teñen vehículo o que lles dificulta os desprazamentos”, sinalou Rodil.

Desde o BNG lembran que a situación de Pol non é un caso illado e que responde ao deterioro progresivo que está a sufrir a Atención Primaria en Galiza. Neste sentido, Rodil advertiu de que concellos como Pol, Ribeira de Piquín ou Doiras están a padecer problemas semellantes que deixan á veciñanza sen unha atención sanitaria próxima.

“A Xunta do PP está a permitir que o rural quede sen servizos básicos. O dereito á sanidade pública non pode depender do lugar onde vivas”, afirmou.

Por este motivo, o BNG presentou unha serie de iniciativas nas que se insta ao Goberno galego a cubrir de maneira permanente a praza vacante de médica/o no centro de saúde de Pol, garantindo así que a poboación do concello poida acceder a unha atención sanitaria pública de calidade, accesible e de proximidade.

Rodil concluíu reclamando á Consellería de Sanidade que actúe con responsabilidade e adopte medidas inmediatas para recuperar a normalidade asistencial no municipio. “A veciñanza de Pol merece o mesmo dereito á atención sanitaria que calquera outra persoa do país”, concluíu.

0.11815094947815