O BNG leva ao Parlamento a situación sanitaria na Mariña

TerraChaXa | AMariñaXa
O pasado 7 de xaneiro, os veciños e veciñas de Riotorto saíron á rúa para manifestarse contra esta situación
manifestacion-sanidad-ourol
14 Jan 2025

Os concellos rurais da Mariña son os máis afectados pola escaseza de médicos na Atención Primaria. Lonxe de mellorar, as carencias nos centros de saúde están a agravarse neste inicio de ano. O pasado 7 de xaneiro, os veciños e veciñas de Riotorto saíron á rúa para manifestarse contra esta situación, e este sábado reuníronse de novo en asemblea para acordar novas medidas reivindicativas. O obxectivo principal é exercer presión para que se cubran de forma inmediata e estable as dúas prazas de médico que lle corresponden ao municipio.

Ourol, Muras e O Vicedo, coa mesma problemática

En Ourol a situación é alarmante, xa que a falta de facultativo obriga a derivar os pacientes ao Centro de Saúde de Muras, unha decisión incomprensible e inadmisible, especialmente pola dificultade que supón para as persoas maiores desprazarse ata alí. Ademais, resulta indignante que durante o mes de xaneiro só haxa atención médica en Ourol en seis días: o 9, 10, 14, 15, 21 e 23.

Ante esta realidade, a veciñanza de Ourol, xunto coa de Muras e O Vicedo, mobilizouse o pasado domingo 12 de xaneiro cunha protesta diante do centro de saúde ourolés para esixir solucións.

O BNG, pola súa banda, levou esta problemática ao Parlamento galego, reclamando a cobertura inmediata e estable das dúas prazas de médico de Riotorto e da praza correspondente ao municipio de Ourol, co obxectivo de garantir unha atención sanitaria digna e continua.

Reducen os centros de saúde a oficinas para renovar receitas

“Non podemos permitir que reduzan o Centro de Saúde de Riotorto a unha especie de oficina na que renovar receitas e realizar algúns poucos trámites máis nin que o Centro de Saúde de Ourol estea sen médico e os deriven a outro centro coma o de Muras que tamén arrastra problemas” manifestou o deputado mariñao Daniel Castro, que vén de rexistrar esta semana as correspondentes inciativas ao respecto no Parlamento.

0.16014719009399