O BNG leva ao Parlamento o problema da falta de pediatras na Mariña
O deputado mariñao Daniel Castro, xunto coa tamén deputada Olalla Rodil, a responsable comarcal do BNG e alcaldesa de Barreiros Ana Ermida, o alcalde ribadense Fernando Suárez e a deputada provincial Mónica Freire, en rolda de prensa diante do Centro de Saúde de Ribadeo, deron conta das iniciativas a presentar tanto no Parlamento de Galicia como noutras institucións sobre a grave problemática que se está a vivir na Mariña en Atención Primaria e especialmente no servizo de pediatría en moitos concellos da comarca.
Graves deficiencias que o PP segue sen subsanar na maioría dos concellos
Casos que xa non son novos e que se repiten en concellos coma Xove e Cervo con baixas da pediatra que non se cubren e sobrecargan a Burela, ou Alfoz e Valadouro que levan reclamando varios anos ese servizo, feito que os condiciona a desplazarse a Foz donde o servizo está xa de por sí desbordado, ou os casos de Mondoñedo, Lourenzá e Barreiros que compartían servizo pediátrico nuns días e unhas horas determinadas ao longo da semana pero que tanto as baixas como as vacacións da profesional non se cubren, cos conseguintes graves inconvintes para a poboación.
E tamén no Centro de Saúde de Ribadeo desde hai un mes ocorre outro tanto, pois ao atoparse de baixa a pediatra e sen ter un relevo, esto provoca que se empecen a dar citas con mais de mes e medio de espera. Esto afecta tamén ao concello de Trabada.
“Diante desta problemática, instaremos ao Parlamento a esixir da Xunta de Galiza cobertura estable, continuada, e desde o primeiro día no que se produza a ausencia dun ou dunha pediatra titular nestes concellos antes mencionados ou en calquera donde se produzan ausencias xustificadas da/do profesional” afirmou Daniel Castro.
É preciso dotar a Atención Primaria dos recursos orzamentarios, materiais e humanos suficientes para afrontar con totais garantías a nova situación
Olalla Rodil e Ana Ermida fixerón fincapé tamén na grave situación que está atravesando a atención primaria na Mariña, non só agora desde a pandemia, senón xa desde a eleminación da Área Sanitaria por parte do PP.
“É preciso poñer en marcha un Plan para a Atención Primaria que recolla o aprendido nesta crise mais tamén todas as demandas que existían con anterioridade. A Atención Primaria foi unha das áreas máis prexudicadas pola política de recortes orzamentarios da última década polo que se o seu reforzo era necesario antes da pandemia, agora resulta imprescindíbel. É fundamental dotar a Atención Primaria dos recursos orzamentarios, materiais e humanos suficientes para enfrontar, coa máxima calidade asistencial e garantías, a nova situación. Mais tamén urxe un cambio de modelo, reverter as políticas de recortes e privatizacións e unha actuación urxente de recuperación da Sanidade Pública Galega” manifestou Olalla Rodil.