O BNG levará ao Pleno da Deputación a supresión dos pasos a nivel de Parga
O BNG levará ao Pleno da Corporación Provincial unha iniciativa para instar a Adif para que proceda a elaborar e executar un novo proxecto no que se contemple a eliminación dos pasos a nivel na vila de Parga, no concello de Guitiriz, facendo un trazado alternativo ao actual que atravesa polo medio da vila. Ferreiro explicou que “hai uns meses, ADIF presentou ante o equipo de goberno de Guitiriz un proxecto para proceder á eliminación dos tres pasos a nivel existentes neste momento casco urbano da vila de Parga, pero este proxecto suporía colocar valados que incomunicarían totalmente a vía”.
Para o BNG “non son admisibles as fórmulas que sempre contiveron o denominador común de eliminar os pasos a nivel a costa de partir a vila de Parga en dúas vilas completamente illadas e separadas entre si”. O proxecto sufre un forte rexeitamento veciñal, xa que a xente é perfectamente consciente do que supón que a vila quede partida en dúas metades, que pase a haber un Parga de Arriba e outro Parga de Abaixo, cos inconvenientes para a vida cotiá que isto levaría consigo.
O BNG de Guitiriz léva defendendo dende hai anos un proxecto alternativo, consistente en sacar a vía do ferrocarril do centro de Parga, desviándoa na Ponte da Retorta polo norte de Parga e conectándoa de novo á altura de Recemil. Este proxecto reduciría o trazado actual de 5 Km a 3,7 km, eliminaríao perigo dos pasos a nivel na vila e, o que é tamén moi importante, non dividiría a Parga, senón todo o contrario pois facilitaría a súa interrelación así como a potenciación da citadas feiras de Parga.