O BNG logra o acordo unánime do Parlamento para crear unha mesa de negociación con Alcoa

TerraChaXa | LugoXa
O BNG logrou o respaldo de todos os grupos da Cámara a súa proposta de instar á Xunta “a constituír unha mesa de negociación con Alcoa e o comité de empresa de San Cibrao, para demandar a activación das cubas en suspenso e velar polo mantemento do emprego e da actividade en tanto se mantén a actual situación de declive industrial e de inestabilidade nos prezos da enerxía”.
Charla Linfedema 9 2019
12 sep 2019

O BNG logrou o respaldo de todos os grupos da Cámara a súa proposta de instar á Xunta “a constituír unha mesa de negociación con Alcoa e o comité de empresa de San Cibrao, para demandar a activación das cubas en suspenso e velar polo mantemento do emprego e da actividade en tanto se mantén a actual situación de declive industrial e de inestabilidade nos prezos da enerxía”.

A portavoz parlamentaria de Industria, Noa Presas, responsable da proposición non de lei aproveitou a defensa da iniciativa para pedir “seriedade” e evitar “episodios anteriores con exclusións e vetos”, de tal xeito que esa mesa incorpore ao comité de empresa, as organizacións sindicais e ás administracións galega e estatal.

Presas criticou que tras meses de mobilización social “ningún dos problemas de fondo que afecta ás industrias electrointensivas recibiu resposta” e, tras o que cualificou como “pequeno respiro” en Alcoa Coruña, “o certo é que estamos aínda lonxe de que a situación sexa satisfactoria porque os problemas de fondo seguen aí”.

Por contra, indicou, “os sinais de alarma na planta de San Cibrao están disparados, tras a decisión de Alcoa de parar 32 das 512 cubetas electrolíticas, o segundo recorte nun ano”, mentres se segue á espera da promesa incumprida dun estatuto para as industrias electrointensivas.

Xunto coa creación da mesa de negociación, o Bloque reiterou no Parlamento a urxencia de aprobar ese estatuto tendo en conta as achegas do sector galego, coa inclusión dun paquete de medidas compensatorias polos atrasos antes do final de 2019.

Mentres, reiterou Presas, á fábrica de aluminio de San Cibrao vive unha situación de “incerteza” tanto para a comarca da Mariña, “que ten nesta actividade o seu motor económico fundamental con case 2.000 empregos”, como pola súa importancia para Galiza.

O Bloque apoia as peticións do comité de empresa que reivindica un marco enerxético estable libre das peaxes e, a cambio desta rebaixa, as empresas deben manter o emprego e esixir a máxima compensación permitida pola UE, por CO2. Igualmente, modelos de contratos bilaterais semellantes ao francés que permitan planificacións a unha década vista, intervir no 'pool' para producir unha rebaixa ás persoas consumidoras, manter  as poxas de forma transitoria coa media dos importes dos últimos anos, cos mesmos bloques e recuperando o preaviso de parada de 2 horas.

A formación nacionalista insiste na súa demanda dunha tarifa eléctrica galega, que permitiría aforro e ganar competitividade, e pide á Xunta que asuma as súas responsabilidades coa industria galega e actúe “máis alá das declaracións electoralistas que estamos acostumadas a escoitar”, concluíu.

0.30628204345703