O BNG mantivo unha xuntanza con entidades deportivas de Vilalba
O Bloque Nacionalista Galego en Vilalba mantivo un encontro xunto co club Loitas Olímpicas de Vilalba e o Vilalba Fútbol Sala. Nesta reunión estivo o candidato do BNG á alcaldía de Vilalba, Contantino Alvite, Tino e o deputado de deportes da Deputación de Lugo, Efrén Castro.
Tino Alvite declarou “seguimos en contacto con todo o tecido social de Vilalba, e desta vez, mantivemos unha xuntanza con entidades deportivas para amosar as propostas do BNG respecto a este eido”.
Neste senso, o candidato do BNG á alcaldía destacou que “precísase maior comunicación e máis dinamismo co deporte en Vilalba, son as que ofrecen tanto a maiores, a mocidade como as crianzas un lecer que é sinónimo de saúde, por isto, desde o BNG apostamos pola creación urxente dun consello municipal de Deporte, onde todas entidades deportivas estean representadas e afrontar sinerxías entre o Concello e as entidades para mellorar a calidade e oferta deportiva de Vilalba”.
Tino Alvite subliñou que Vilalba precisa mellorar as instalacións neste eido “neste momento en Vilalba non existe un espazo axeitado para adestramento e a práctica deportiva, das moitas e moi variadas ofertas deportivas que estas entidades desenvolven, por este motivo, o BNG defende a necesidade de construír un pavillón multiúsos, onde teñan cabida diferentes actividades e prácticas deportivas, onde a loita olímpica, o baloncesto ou fútbol sala teñan un espazo acorde e cómodo”.