O BNG mostra o seu apoio á declaración da Feira do Capón de Interese Turístico de Galicia
O BNG sumouse á marea de colectivos que manifestan o seu apoio á declaración da Feira do Capón de Vilalba como Festa de Interese Turístico de Galicia.
Nun comunicado o grupo político defende "a traxectoria secular tanto da cría do capón como da celebración continuada da propia feira, a singularidade, o arraigamento, o valor cultural, a participación da poboación local, a afluencia de turistas e visitantes, entre outros, que acreditan suficientemente a concesión do galardón".
Afirman que "o merecido recoñecemento axudaría sen dúbida a promover e a proxectar a riqueza cultural e histórica da nosa vila e tería paralelamente un impacto económico positivo na economía municipal".
"Sendo manifestos os devanditos antecedentes, resulta incomprensíbel e mesmo prevaricadora a decisión tomada pola Axencia de Turismo da Xunta de Galicia que, antepondo intereses de partido aos intereses públicos, denega sen fundamento a solicitude presentada polo Concello de Vilalba ao abeiro do acordo plenario tomado por unanimidade das forzas políticas que o compoñen", critican.
Sobre o Partido Popular vilalbés tivo duras críticas,"dando por suposta a suficiente capacidade intelectual e de coñecemento da realidade por parte dos responsábeis do partido e de quen representan ao mesmo no Pleno, resulta indignante a negación da evidencia e o seu posicionamento de defensa do Goberno da Xunta de Galiza, actuando igualmente por interese partidista e con mala fe contra os intereses da propia veciñanza".