O BNG na Deputación demanda unha tarifa eléctrica galega que axude a Alcoa
O grupo provincial do BNG logrou o respaldo do PsdeG e do PpdeG á súa proposta para salvagardar os postos de traballo e a actividade industrial en Alcoa San Cibrao. A moción insta á Xunta de Galicia a constituír unha mesa de negociación coa multinacional e o comité de empresa de San Cibrao para demandar a activación das 32 cubas en suspenso e velar polo mantemento do emprego e da actividade industrial en tanto se mantén a actual situación de declive industrial e inestabilidade nos prezos da enerxía. E pide unha tarifa eléctrica galega.
Asimesmo demanda ao Goberno do Estado medidas urxentes respecto do marco enerxético co fin de paliar a crise da industria electrointensiva galega. Neste senso esixe a aprobación inmedidata do estatuto do consumidor electrointensivo tendo en conta as achegas do sector galego, coa inclusión dun paquete de medidas compensatorias polos atrasos antes do final de 2019. Solicita a substitución do sistema de poxa de interrumpiblidade por unha regulación estábel que permita prezos competitivos no sector con compromisos no mantemento do emprego.
TARIFA ELÉCTRICA GALEGA. Ademais, a moción solicita que o futuro sistema enerxético estatal contemple unha tarifa eléctrica galega que compense a Galiza polos custes ambientais e sociais que implica a xeración de enerxía.
O voceiro do BNG, Efrén Castro, defendeu que a proposta “apunta a todas as institucións, porque a situación de Alcoa San Cibrao é un problema galego no que o Estado se ten que mollar e no que a Xunta tampouco se pode poñer de perfil. O BNG leva moitos anos propoñendo unha tarifa eléctrica galega que potenciaría a industria galega e que impediría que chegasemos a este punto no que a pantasma do peche planea sobre Alcoa”
O deputado nacionalista lembrou que a proposta foi rexeitada e mesmo “ridiculizada” polo presidente da Xunta de Galicia mentras o goberno de Euskadi logrou unha tarifa propia que contou co respaldo do Parlamento europeo e que “aforrou 50 millóns de euros” a súa industria nacional. “Esa é a diferenza entre ter un goberno que se preocupe pola industria e outro que non o fai”, comparou.
Efrén Castro afeoulle ao Partido Popular a súa traxectoria en relación coa problemática de Alcoa, remarcando que “os representantes do partido fosen a San Cibrao unicamente a facerse unha foto”. “Nos fomos a reunirnos co comité de empresa e a formularlles a nosa proposta, o mínimo que se pode esixir a unha formación política”, remarcou.
O voceiro nacionalista transladou o “apoio” do BNG aos traballadores e comité de empresa de Alcoa que se reunía co presidente da multinacional en España, Álvaro Dorado.