O BNG pedirá á Valedora do Pobo os xustificantes das dietas do alcalde de Outeiro de Rei

TerraChaXa
O voceiro do BNG, Xosé Ferreiro, vén de anunciar as medidas que o BNG de Outeiro vai tomar ante a negativa do alcalde de Outeiro de Rei a mostrar os xustificantes das dietas que cobraron el e o seu tenente de alcalde durante o ano 2017.
8 Xuño 2018

O voceiro do BNG, Xosé Ferreiro, vén de anunciar as medidas que o BNG de Outeiro vai tomar ante a negativa do alcalde de Outeiro de Rei a mostrar os xustificantes das dietas que cobraron el e o seu tenente de alcalde durante o ano 2017. Segundo este concelleiro, o BNG solicitou ver o pasado 13 de febreiro toda a documentación relativa ás xustificacións que o alcalde e tenente de alcalde cobraran por gastos de locomoción nese ano.

Transcorridos xa catro meses, aínda non se fixo ningún movemento por parte do concello para darlle acceso a este grupo político á documentación solicitada, co que dende o BNG se decidiu acudir por unha banda á Valedora do Pobo para pedir amparo e, por outra, solicitará no seu momentoao Consello de Contas que dende ese organismo lles pidan a xustificación destes cartos cobrados polos membros do PP así como que ditamines se están debidamente xustificados.

No caso de Outeiro de Rei resulta unha constante este tipo de actitudes, pois durante dous anos o BNG tivo que loitar para conseguir ter as actas actualizadas das Xuntas de Goberno así como os Decretos da Alcaldía, os cales se entregaban ao BNG con máis de nove meses de retraso na maioría das ocasións.

A lei de transparencia solucionou este problema, pero no referente a consulta de información séguese a ocultar a información á oposición, sobre todo cando se piden cuestión que resultan incómodas para o alcalde.

O feito de que o alcalde non deixe ver estes xustificantes lévanos a sospeitar que estes non existen ou , aínda que aparezan, que non cumpren os requisitos mínimos para poder pagalos.

Dende o BNG pedíase que se nos mostraran os xustificantes destes 12.800 euros que cobraron onde se mostraran os días, horas, lugares e motivo das viaxes, cuestión que nos parece imprescindible para que se poidan cobrar estes desprazamentos, máxime cando o alcalde acordou que el e os seus concelleiros cobraran a 30 céntimos o quilómetro, un 50% máis do que paga por exemplo a Xunta de Galicia ou cobraría calquera outro funcionario do concello.

Devolución do cobrado indebidamente

Tamén dende o BNG se manifestou a intención do BNG de esixir a devolución ás arcas municipais das cantidades que poidan estar indebidamente xustificadas. “Non se pode tolerar que lle estea cobrando á veciñanza 1.000 euros por construírlles a rede de saneamento dicindo que non teñen cartos e logo que se dediquen a embolsarse estas cantidade deste xeito”,ramatou o concelleiro do BNG.

0.17823481559753