O BNG pedirá no Parlamento o desbloquedo dos trámites para crear o polígono industrial en Muras

TerraChaXa
O BNG vén de rexistrar unha proposición non lei sobre a necesidade de acelerar os procesos da creación do polígono industrial en Muras.
visita daniel castro deputado bng muras
5 Feb 2022

O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar no Parlamento Galego unha proposición non lei para o seu debate en pleno sobre a necesidade de desenvolver e acelerar os procesos da creación do polígono industrial do Concello de Muras.

No ano 2016 o Concello de Muras iniciou os procesos para poder contar cun polígono industrial debido ao interese de diversas empresas para afincar as súas naves e centros laborais nesta localidade. "Despois de dar todos os pasos necesarios e presentando todos os informes positivos é incomprensible que seis anos máis tarde a Xunta de Galiza siga solicitando máis informes, entorpecendo a súa posta en marcha", din.

Desde o BNG consideran crucial o desenvolvemento dun polígono industrial en Muras, "máxime tratándose dun Concello do rural, coas dificultades que xa padecen de por si para poder asentar poboación" e tachan o comportamento da Xunta "de pouco comprensible, tendo en conta que estaríamos diante dunha ocasión para poder dotar Muras de oportunidades laborais e ofrecer os mesmos servizos ás empresas que calquera outra vila ou cidade galega". 

De feito, o deputado do BNG Daniel Castro visitou na xornada de onte o Concello para falar co alcalde, Manuel Requeijo, sobre os problemas que ten este Concello e a necesidade de impusar iniciativas para solventarlos.

Pola súa banda, o alcalde, lembrou que "levamos dende o ano 2016 intentando conseguir das administracións as autorizacións necesarias para a modificación das normas subsidiarias do solo e parece que só queren poñer atrancos". Afirma que teñen varias demandas de empresas para asentarse en Muras, unha delas, como explicou Requeijo, trátase dunha empresa que propuxo a creación de 20 postos de traballo "pero temos todo bloqueado".

Lembra o alcalde que "estas medidas van en contra dos intereses dos veciños e tamén dos concellos da contorna rural como o noso que necesitamos asentar poboación e o desenvolvemento económico é unha das mellores formas de conseguilo".

0.12844610214233