O BNG pedirá no pleno da Deputación que se manteña o servizo de catamaráns durante todo o ano

TerraChaXa
O voceiro do BNG, Xosé Ferreiro, anunciou a presentación dunha iniciativa para ser tratada no Pleno da Deputación de Lugo pedindo que a corporación inste ao Goberno provincial a continuar prestando o servizo de catamaráns.
Xosé Ferreiro, voceiro do BNG na Deputación Provincial.
16 Out 2017

O voceiro do BNG, Xosé Ferreiro, anunciou a presentación dunha iniciativa para ser tratada no Pleno da Deputación de Lugo pedindo que a corporación inste ao Goberno provincial a continuar prestando o servizo de catamaráns. Ferreiro explicou que “é evidente que esto poderase facer sempre que o nivel de auga o permita” e sinalou “é necesario que se manteña durante os doce meses do ano como única forma de promover un turismo sostíbel e, polo tanto, que serva como ferramenta de desenvolvemento dos concellos e comarcas afectadas”.

Xosé Ferreiro sinalou como “inaceptable” o feito de que a Deputación peche o servizo de catamaráns nas rutas fluviais do Sil e o Miño antes da data prevista e sinalou “ata o ano 2016 que entrou o actual equipo de goberno, estábase a facer un importante esforzo por parte dos responsábeis de Turismo da Deputación para culminar unha desestacionalización do turismo na zona sur da provincia de Lugo, utilizando os catamaráns como unha ferramenta dinamizadora do sector para acadar este obxectivo. Con isto conseguiríase unha afluencia continuada de visitantes, máis aló dos meses de verán, que permitiran un desenvolvemento sostíbel durante todo o ano do turismo e, polo tanto, das comarcas relacionadas coa Ribeira Sacra e co Sur da provincia de Lugo en xeral”.

Para o BNG “trátase dunha volta atrás en todo o traballo feito pola Deputación na desestacionalización do turismo nesta zona do sur de Lugo”. Ferreiro lembrou como, mentres o BNG tivo responsabilidade de goberno na área de turismo da Deputación, “traballamos con todos os axentes turísticos da zona para avanzar nunha desestacionalización que agora se trunca por unha liorta interna do PSOE”.

Neste ano 2017 a situación foi moito peor. No pasado mes de marzo o goberno da Deputación procedeu a concederlle a empresa TRAGSA a encomenda de xestión do servizo de catamaráns das rutas Fluviais do Canón do Sil e do Río Miño, retirándolle a encomenda SUPLUSA, ente instrumental da Deputación que o viña xestionando dende había xa moitos anos. As consecuencias de tanto despropósito culminaron hai uns días co anuncio do peche do servizo para finais de outubro, peche feito con varios centos de reservas feitas, sen advertir previamente do que ía acontecer nin ao sector turístico nin aos traballadores e traballadores, os cales se enteraron pola prensa de que ían a perder o seu traballo.

0.12986612319946