O BNG pedirá no Pleno do Concello de Castro de Rei un cambio na política forestal e de loita contra os incendios
O BNG levará ao vindeiro pleno da corporación do concello de Castro de Rei unha iniciativa para pedir un cambio na política forestal conducente a previr os incendios. Ademais, os nacionalistas, propopoñen que se inste á Xunta de Galiza a executar unha política de desenvolvemento rural que reverta o abandono dos núcleos rurais e das explotacións agrarias e forestais. A voceira do BNG no concello de Castro de Rei, Digna Lagarón, lembrou que “a traxedia da vaga de lumes forestais que vén de arrasar Galiza provocou en catro días a morte de catro persoas, puxo en situación de grave risco núcleos urbanos e miles de persoas viron as súas vidas ás portas da morte; deixou vivendas, centos de propiedades e máis de 35.000 hectáreas engulidas polas lapas”.
A voceira nacionalista, Digna Lagarón, sinalou que “para o PP non existe unha política forestal que acometa medidas de carácter estrutural, que abranga a posta en valor dos terreos forestais, o aproveitamento diversificado e multifuncional do monte, a aplicación de medidas preventivas e de actualización do propio dispositivo de loita contra os lumes forestáis”. Dende o BNG proponse levar adiante, de xeito consensuado coas restantes forzas políticas e axentes sectoriais e sociais implicados, as modificacións lexislativas necesarias para a posta en valor do solo forestal e regule adecuadamente os problemas estruturais a nivel de ordenación do espazo rural e de medidas preventivas.
O BNG leva anos denunciando que a falta de ordenación territorial é un dos principais problemas estruturais do noso país. E como tal, a resposta tamén debe atacar ao problema de fondo. No mes de xuño, a Portavoz Nacional do BNG, Ana Pontón, após os incendios do Pedrógão en Portugal, fíxolle un ofrecemento ao Presidente da Xunta de Galiza, para chegar a un grande pacto nacional galego en defensa do noso monte, que Feijoo nin se dignou en contestar. Os aspectos a abordar, como a desertización, o abandono de explotacións agrarias, monocultivo do eucalipto ao servizo basicamente de ENCE, a falta dun aproveitamento multifuncional do monte galego que aproveite todo o seu potencial, servizo de prevención e extinción precario, estacionalizado e sen mando único, etc., seguen aínda pendentes.