O BNG pide ao Concello que se posicione cos veciños contra o novo parque eólico de Satrebares
O BNG de Guitiriz presentou unha moción para tratar no vindeiro pleno onde se insta ao Concello que se poña do lado da veciñanza na instalación do parque Satrebares que ten previsto nas parroquias de Labrada e Os Vilares e cuxa liña de evacuación afectaría tamén a Lagostelle e Santa Mariña, a empresa Maracaibo Solar para o que solicitou autorización ao Goberno de España.
Afonso Losada, concelleiro do BNG salienta que “o BNG non comparte que se sature o noso concello de macromuíños de vento, coas súas correspondentes infraestruturas, sen un estudo serio e completo das súas múltiples afectacións, dende o discorrer das augas pois afecta a varias fontes e mananciais que a veciñanza utiliza para as súas traídas de auga afectadas pola construción das torres dos aeroxeneradores e multitude de regos e regatos se verían afectados tanto, polas diferentes infraestruturas coma pola construción e ampliación de vías de aceso”.
Cren que a destrución do medio natural, o impacto visual e sonoro, os graves prexuízos para a diversidade animal e vexetal, o paso de liñas de alta tensión polo noso territorio, muíños moi preto das vivendas, o efecto de depreciación das propiedades como consecuencia das poligonais,… "son demasiados impactos para o nulo beneficio que pretenden deixar nestas parroquias o que se traduce nun importante rexeitamento da veciñanza, como se amosou nas charlas informativas celebradas até o de agora".
O parque estaría composto por 24 aeroxeneradores que rondan os 200 metros de altura, que conta cunha infraestrutura de evacuación de 34 quilómetros e con unha subestación propia con unha potencia de 125 MW.
Afonso Losada incide en que “dende o BNG de Guitiriz comezamos a traballar dende o primeiro momento para tratar de apoiar as demandas da veciñanza, poñéndonos a disposición de todos e todas aqueles que queiran presentar alegacións e, para coordinarnos con aqueles movementos que xa están a traballar organizadamente”.
“Neste sentido, temos moi avanzadas as alegacións que o BNG vai presentar contra a instalación deste parque, que presentaremos á veciñanza estes días para socializalas e para que, quen así o considere, as poida empregar como base para realizar as súas propias alegacións en funcións das súas afectacións específicas” informa Losada.
"Así mesmo, presentaremos iniciativas políticas en tódolos ámbitos para amosar o noso posicionamento e para obrigar ás administracións a posicionarse ao carón dos veciños e veciñas, sen ambigüidades, nin dúbida ningunha", dixeron.
“Dentro deste traballo presentamos unha moción para o vindeiro Pleno do día 30 solicitando que o concello se posicione ao lado da veciñanza destas parroquias que rexeitan a instalación deste megaparque, que poña os recursos dos que dispón o concello para asesoramento da veciñanza, así como que o concello presente alegacións a este proxecto” solicitan dende o grupo municipal nacionalista.