O BNG pide explicacións á alcaldesa de Guitiriz e reclama a devolución dos cartos cobrados

TerraChaXa
Afonso Losada: “A ética institucional non depende das cantidades, senón do respecto absoluto aos cartos públicos e á confianza da veciñanza”
monica-e-afonso-bng-guitiriz
25 Feb 2026

O Bloque Nacionalista Galego de Guitiriz vén de esixir explicacións públicas e inmediatas á alcaldesa tras as informacións coñecidas sobre o suposto cobro indebido de dietas, unha situación que o grupo nacionalista cualifica de “extremadamente grave desde o punto de vista político e institucional”.

O portavoz municipal do BNG, Afonso Losada, sinalou que “aínda que alguén pretenda minimizar os feitos falando de cantidades pequenas, estamos a falar de fondos públicos e do respecto debido ao esforzo económico de toda a veciñanza”. Neste sentido, advertiu que “a hixiene democrática non admite excepcións nin xustificacións en función do importe, porque o que está en xogo é a credibilidade da institución municipal”.

Desde o BNG consideran imprescindible que a alcaldesa compareza de maneira urxente para ofrecer explicacións claras e completas sobre o sucedido. “A cidadanía ten dereito a saber que pasou e a asumir responsabilidades políticas cando se producen actuacións que afectan á confianza nas institucións”, afirmou Losada.

Así mesmo, o grupo municipal nacionalista reclama a devolución inmediata de todas as cantidades que puidesen terse cobrado de forma irregular. “Sexa consecuencia dun erro administrativo ou dunha actuación presuntamente irregular, os cartos públicos deben ser restituídos sen máis demora”, subliñou o portavoz.

Por outra banda, o BNG denunciou o que considera un uso inadmisible das redes sociais institucionais do Concello de Guitiriz para realizar valoracións persoais ou defensas políticas da alcaldesa. “As redes municipais son unha ferramenta de servizo público e información institucional, non un instrumento ao servizo da defensa persoal de quen ostenta a Alcaldía”, indicou Losada, quen lembrou que as explicacións deben ofrecerse a título persoal e político, sen empregar recursos públicos.

Do mesmo xeito, o BNG considera necesario aclarar o papel da Secretaría municipal neste asunto, despois de coñecerse que podería terse validado a constitución dun órgano municipal presidido por unha persoa que, segundo as informacións publicadas, non estaba presente. “Resulta incomprensible que se validase unha acta nesas circunstancias e é imprescindible coñecer quen tomou esa decisión e con que fundamento”, apuntou.

O BNG de Guitiriz asegura que permanecerá vixiante ante a evolución dos acontecementos e advirte de que, no caso de non producirse explicacións convincentes nin a devolución das cantidades correspondentes, “non dubidaremos en impulsar todas as iniciativas políticas e legais necesarias para defender a dignidade institucional do Concello e os intereses da veciñanza”, concluíu Losada.

0.11542820930481