O BNG pide que compareza o conselleiro de Industria para explicar as condicións de venda de Alcoa

TerraChaXa | AMariñaXa
O BNG reclama a comparecencia urxente do conselleiro de Industria, Francisco Conde, no Parlamento para que explique na Cámara as condicións da operación de compravenda da factoría de Alcoa da Coruña ao fondo de inversión Parter Capital Group, para coñecer os detalles da operación.
20 Jun 2019

O BNG reclama a comparecencia urxente do conselleiro de Industria, Francisco Conde, no Parlamento para que explique na Cámara as condicións da operación de compravenda da factoría de Alcoa da Coruña ao fondo de inversión Parter Capital Group, para coñecer os detalles da operación.

Desde a formación nacionalista, a portavoz parlamentaria de Industria, Noa Presas,  traslada o seu apoio a todo o cadro de persoal “neste momento clave” para o futuro da factoría coruñesa, e pide ao Goberno central e á Xunta “que estean á altura comprometéndose a facilitar unha venda que teña as máximas garantías tanto en relación ao mantemento do emprego como á produción de aluminio na factoría da Coruña”.

O Bloque tamén demanda que se conte cos traballadores e traballadoras á hora de adoptar calquera decisión determinante para a planta, ao tempo que demanda que se aplique “a máxima transparencia” ao longo de todo o proceso, de aí a petición de comparecencia do titular de industria.

Presas salienta ademais o peche de traballadores de Alcoa na Delegación do Goberno na Coruña en protesta precisamente por esa falta de transparencia cando están en xogo os seus empregos. “Pecháronse como acto de protesta tras ter sido excluídos da mesa de negociación”, indicou Presas, “e reclaman con razón coñecer o acordo de compravenda a Parter Capital Group, que supostamente garante o emprego por dous anos”.

Igualmente, o BNG demanda do goberno de Pedro Sánchez que cumpra dunha vez o seu compromiso de aprobar un marco eléctrico estable que permita ás empresas grandes consumidoras de electricidade contar cun prezo constante e competitivo, na liña do que xa dispoñen os países do noso entorno. Ter un prezo razoable e estable da electricidade é unha condición indispensable para garantir o futuro de ALCOA, máis alá da actual operación de compravenda.

“O Estado deberá cumprir os seus deberes pendentes e aprobar dunha vez por todas o estatuto para as empresas electrointensivas porque o prezo da luz segue a ser o problema desta industria e hoxe mesmo celebrouse unha poxa eléctrica cualificada polo sector como a peor da historia”, concluíu Presas.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.16389203071594