O BNG pide que o PSOE aclare as razóns da "sorpresiva dimisión" de Elba Veleiro
O BNG referiuse esta mañá á situación xerada en Vilalba ante a sorpresiva dimisión da alcaldesa Elba Veleiro. Desde a organización nacionalista sinalan que “é a asemblea local do BNG quen ten a última palabra e quen decidirá que fará a nosa organización ante esta situación” explicou Tino Alvite, Portavoz Municipal do BNG. “O BNG non ten nada decidido aínda ante este inesperado contexto no noso concello. Avaliaremos colectivamente a situación e faremos o mellor para a veciñanza de Vilalba” sinalou o nacionalista.
Desde o BNG instan ao PSOE “a explicar ás veciñas e veciños porque se produce realmente esta marcha da alcaldesa que fai apenas tres meses ven de ser investida” sinalan. “Resulta chamativo que sen terse trasladado publicamente antes ningún problema no que atinxe á gobernabilidade do Concello de Vilalba, dun día para outro nos atopemos con esta dimisión”.
“Por parte do PSOE están intentando darlle carta de normalidade a unha situación que é de todo menos normal” salientan desde o BNG, e, engaden, “quizais o PSOE debería explicar porque pon por diante as súas liortas internas antes que o interese das veciñas e veciños de Vilalba” conclúen desde a organización nacionalista.