O BNG pide reelaborar as ordes de axudas polos danos do lobo e xabaril e adaptalas á realidade

TerraChaXa | AMariñaXa
O portavoz parlamentario de Agricultura do BNG, Xosé Luís Rivas, demanda da Xunta a retirada das ordes tanto de prevención como de axudas aos danos provocados por ataques de lobo ou xabaril nas explotacións gandeiras e agrarias por considerar que son un “despropósito” pola súa desconexión coa realidade que pretende corrixir.
4 Feb 2019

O portavoz parlamentario de Agricultura do BNG, Xosé Luís Rivas, demanda da Xunta a retirada das ordes tanto de prevención como de axudas aos danos provocados por ataques de lobo ou xabaril nas explotacións gandeiras e agrarias por considerar que son un “despropósito” pola súa desconexión coa realidade que pretende corrixir.
“O que pedimos é que devolvan estas liñas de axuda a artesa, que as amasen de novo e que as volvan enfornar porque son un despropósito, tanto a liña de axudas por danos como a de prevención, que ten enfadado a gandeiros e agricultoras”, reclamou Rivas, “quen redactou estas ordes teñen que darse unha volta polo campo, pisar terra e falar cos afectados para corrixir este cúmulo de despropósitos que conteñen”.
Entre eles, o feito de que as explotacións de horta profesionais non están cubertas porque as ordes inclúen como requisito que reciban axudas da PAC e este tipo de actividade queda excluída deses fondos. Outra incoherencia é a arbitrariedade dos cultivos que poden ser indemnizados. “Por exemplo, se tes unha plantación de boniato recibes axudas en caso de desfeita, pero non se o cultivo é de feixón verde, allo, amorodos ou arandos”, explicou o deputado.
Non son os únicos fallos das ordes. Tamén inclúe requisitos como comunicar os ataques no prazo máximo de 72 horas, “o caso real dun produtor que  ten 23 hectáreas de cultivo repartidas en 90 fincas separadas, ten que facer visitalas todos os días a ver se sufriu algún ataque?”, interpelaba Rivas.
O feito de ter que dar unha longa lista de datos para comunicar cada ataque e que haxa que volver repetilos cada vez que se produce un novo incidente na mesma finca ou explotación complica as denuncias. Igualmente, o límite de 1.650 € de indemnización máxima é totalmente insuficiente.“Unha finca de 5.000 metros cadrados, unha área, con 60.000 plantas de porros que bote a perder os ataques do xabaril, as perdas son de 10.000 euros e o agricultor ten un contrato que senón atende o pedido é penalizado”, explicou o deputado, evidenciando que as taxacións deben ser equivalentes ao valor perdido.
Neste contexto, o BNG pide a retirada das ordes, tanto a de prevención como a de axudas, para reelaboralas adaptadas a realidade do país así como un aumento das contías orzamentadas.
A día de hoxe, a Xunta ten disposto 200.000 euros para prevención e 300.000 para indemnizacións por danos no caso de ataques do lobo, e 100.000 € para prevención e 811.000 € para compensar por danos no caso do xabaril. “Hai que incrementar as axudas, valorar con seriedade os danos incluíndo o lucro cesante e pagar en tempo evitando demoras de ate dous anos”, demandou o deputado do Bloque.
Rivas empezou a súa comparecencia ante os medios facendo unha chamada ao 012, para visualizar a situación que vive unha gandeira ou un agricultor que quere pedir axuda á Xunta despois de sufrir un ataque destes animais. No mellor dos casos, só consigue falar coa administración tras escoitar en galego, castelán e inglés unha longa enumeración de posibilidades cos correspondentes números a marcar, que resulta desesperante e exasperante para quen precisa comunicar a urxencia.
“A Xunta xustificou a ausencia da axudas para o xabaril desde 2016 porque non había queixas, cun teléfono ben atendido por unha persoa habería moitas”, ironizou Rivas, quen difundiu que para pasar directamente cun operador en caso de ataques de lobo e porco bravo hai que marcar o 012 112.
O BNG considera posible a convivencia do lobo coa actividade agrogandeira, pero para iso hai que indemnizar aos afectados en caso de danos en tempo e forma, e no caso do xabaril propón un plan de control da poboación de porco bravo, que está disparada, pero que non se soluciona a base de batidas.

0.16660809516907