O BNG preguntará na Deputación pola execución das partidas orzamentarias de cultura
O deputado provincial do BNG, Xosé Ferreiro, anunciou que trasladará ao goberno provincial socialista unha serie de preguntas sobre a execución das partidas orzamentarias destinadas á promoción cultural. Ferreiro lembrou que o orzamento de cultura “é o mesmo que en pasados exercicios, pero estamos a detectar as carencias que se producen no reparto de fondos a colectivos culturais e iniciativas que se viñan financiando dende a Deputación en anos anteriores”.
Segundo Ferreiro “as partidas de cultura non tiveron nada que ver co Plan Único e a Deputación mantén unha importante partida orzamentaria para o fomento da cultura en todos os concellos da provincia” e engadiu “vemos como se están pagando concertos con cifras astronómicas para as festas do San Froilán pero estanse reducindo as cantidades que se destinaban a promover actividade cultural noutros concellos que teñen moitas menos posibilidades económicas que o de Lugo”.
Ferreiro lembrou como a Deputación, cando o BNG tiña responsabilidades de goberno, “tiña establecidos programas como Buxiganga, Musiqueando ou Cultura sobre Rodas para achegar a actividade cultural a todos os concellos independentemente da cor política do goberno municipal”. Xosé Ferreiro explicou “sabemos que se están negando axudas e recortando a actividade cultural que se levaba a todos os concellos dende a Deputación” e criticou que “se eliminaran programas como Cultura Aberta ou que se restrinxan os fondos destinados a programas recoñecidos como Buxiganga”.