O BNG presenta aos candidatos á Alcaldía de Outeiro de Rei
A responsable local do BNG en Outeiro de Rei deu conta da elección, en asemblea, das persoas que ocuparán os tres primeiros postos na candidatura de cara ás eleccións municipais de maio de 2019. Elvira Lombao informou que Xosé Ferreiro, actual voceiro no concello, será o candidato á alcaldía, o edil Xabier Molinos ocupará o segundo posto e a responsable local Elvira Lombao será o número tres.
Lombao explicou que “por cuestións organizativas presentaremos a candidatura en diversos tramos, o BNG presentarase para acadar a alcaldía e unha maioría que permita que o concello de Outeiro avance no século XXI como un concello moderno, sen discriminacións nin caciques e que se converta nun lugar no que as persoas queiran vivir”. “Faremos unha candidatura para gobernar o concello que integrará mocidade e persoas con experiencia” afirmou Elvira Lombao.
A asemblea local do BNG valorou moi positivamente o traballo feito polos actuais concelleiros, Xosé Ferreiro e Xabier Molinos, “o único grupo municipal que presentou alternativas e propostas para mellorar a vida das veciñas e veciños de Outeiro”. Ademais destacouse como “rigurosa” a labor de control ao goberno municipal. Lombao dixo que “Outeiro, cunha alcaldía do BNG, pode ser un concello referente como xa o son Ribadeo, Allariz, Carballo ou Muras.