O BNG presenta en Vilalba os dez compromisos para Galicia que defenderá no Congreso
O cabeza de lista do BNG ao Congreso, Daniel Castro, achegouse ata Vilalba onde participou nun reparto informativo na feira xunto co concelleiro do BNG na vila, Tino Alvite, e militantes do BNG. Daniel Castro informou á veciñanza sobre os 10 compromisos estratéxicos que o BNG defenderá no congreso a partir do 23 de xuño, e explicou que “as galegas e galegos precisamos dun grupo galego forte co BNG para que o Goberno do estado atenda ás nosas necesidades”.
Para Daniel Castro, “a representación do BNG no Congreso será decisiva para conseguir melloras necesarias en infraestruturas, enerxía, investimentos públicos, competencias e benestar social e liberdades”. “O BNG usará a súa representación no Congreso para que se atendan as necesidades das galegas e galegos”.
Entre os puntos do decálogo do BNG para o Congreso figuran o aumento da partida orzamentaria destinada á dependencia, a mellora do transporte público e das conexións nas vilas do interior da Galiza, a posta en marcha dunha transición do modelo enerxético que poña fin ás especulacións das eléctricas, ou a suba das pensións.