O BNG presentou a campaña deste 2024 para o Día da Patria Galega

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
Convidaron a participar a todas as persoas que comparten o desexo dunha Galicia “viva, forte, xusta e con futuro” nun contexto especial e no “mellor momento da historia do BNG”
Campaña-Día-da-Patria-2024-BNG
14 Xul 2024

O BNG presentou este sábado en Santiago a campaña deste 2024 para o Día da Patria Galega que, baixo o lema ‘a forza deste País’, incluirá múltiples actos ao longo e ancho do territorio galego para confluír o 25 de xullo nunha multitudinaria manifestación que, como é tradicional, sairá ás 12.00 horas da Alameda compostelá.

A campaña foi presentada pola responsable de Organización, Lucía López, e o responsable de Comunicación, Xavier Campos, que convidaron á participación nos actos do Día da Patria de todas as persoas que comparten o desexo dunha Galicia “viva, forte, xusta e con futuro” nun contexto especial e no “mellor momento da historia do BNG”, polos resultados acadados nos dous últimos procesos electorais e pola súa capacidade mobilizadora en defensa dos intereses do País.

“Somos unha nación viva, dinámica e activa. Somos unha nación con forza e o BNG é a forza política deste país”, subliñou Campos para explicar o duplo sentido do lema do Día da Patria deste ano, que o BNG afronta desde unha perspectiva “inclusiva, ampla e integradora”. “Hai moitas formas de sentirse galegos e galegas e todas elas son necesarias para construír a Galiza mellor que queremos, porque Galicia é a nación que compartimos e que facemos día a día dende a diversidade”, subliñou.

Campos dirixiuse así á maioría das galegas e dos galegos “que teñen Galicia na cabeza e no corazón” e recalcou que o do BNG é un proxecto “con vocación de ser maioritario e hexemónico”.

Lucía López, pola súa banda, fixo unha chamada á participación nos actos “dunha data referencial no calendario na que expresamos a nosa vontade irrenunciable de que Galicia poida exercer os seus dereitos nacionais e a necesidade dun novo marco político que dote á nosa nación de soberanía e capacidade de decisión propia, coa que adoptar políticas en beneficio do pobo galego”.

A responsábel de Organización explicou que, ademais da gran manifestación do 25 de xullo, o programa do Día da Patria incluirá múltiples actos polas comarcas, cunha importante axenda de encontros, en cuxa organización participan tanto as distintas agrupacións da forza nacionalista como a base social e militante, “que constitúe unha parte imprescindíbel na configuración do BNG”, apuntou.

Lucía López destacou o escenario no que se desenvolve a campaña deste ano, un contexto de “declive socioeconómico” e cunha “ofensiva de espolio dos nosos recursos e de destrución do territorio”. Referiuse así ao “espolio eólico”, a “destrución do río Ulla e da ría de Arousa coa megacelulosa que Altri quere implantar no noso País” ou a reapertura da mina de Touro-O Pino.

“Todos eles son exemplo das agresións ás que está sendo sometida Galicia cun goberno do PP á fronte da Xunta que actúa de promotor ou comercial dunhas multinacionais que só veñen esquilmar os nosos recursos, pasando por riba das galegas e galegos que habitamos este territorio, e adoptando decisións contrarias aos intereses do pobo galego”, criticou.

A responsable de Organización do BNG fixo referencia tamén ao contexto internacional, “marcado por unha perigosa escalada belicosa que ten o seu reflexo máis cruel no xenocidio que o terrorismo sionista está a exercer contra o Pobo Palestino”.

Asegurou que, “máis unha vez, neste Día da Patria Galega, desde a Galicia estamos con Palestina e con todos os pobos do mundo que loitan pola súa liberdade, e defendemos firmemente e sen fisuras unha aposta pola paz”.

É por iso que López cualificou a mobilización do 25 de xullo como a “manifestación na que confluirán todas as causas xustas que están en loita agora mesmo neste País e todas as causas xustas da humanidade” Así mesmo, anunciou que será unha “gran mobilización nacional en defensa de Galiza e do dereito da nosa nación a ser e existir en pé de igualdade cos demais pobos do mundo”.

A manifestación rematará na Praza da Quintana cun acto no que intervirá a Secretaria Xeral de Galiza Nova (as mocidades do BNG), Marta Gómez así como a portavoz Nacional do BNG, Ana Pontón.

López quixo rematar a súa intervención convidando de novo a festexar o Día da Patria Galega e “celebrarmos a nación, celebrarmos o orgullo de sermos galegas e galegos” e incidiu en que tamén “é unha data de reivindicación na que o protagonismo é das galegas e galegos que se mobilizarán en defensa dos dereitos e dos intereses de Galicia”.

0.14259600639343