O BNG de Castro de Rei presentou varias iniciativas no Parlamento e unha moción sobre a atención pediátrica
A deputada do BNG, Olalla Rodil presentou no Parlamento galego as deficiencias pediátricas que teñen os concellos de Castro de Rei, Outeiro de Rei e Cospeito. Así mesmo a concelleira do BNG en Castro de Rei, Olga García, presentou unha moción no Concello para que o pleno inste á Xunta de Galiza a restituír este servizo.
Actualmente, estes tres municipios quedaron sen pediatra ao non cubrir o Sergas a baixa laboral da persoa titular. Esta situación fai que as nenas e nenos sexan atendidos por médicos de familia, non pediatras, ou que se vexan obrigadas as familias a acudir ás urxencias pediátricas do HULA.
Nunca nos atreveriamos a discutir se un médico de familia ten a capacidade para unha atención pediátrica de calidade e lamentablemente os médicos de familia tamén escasean o que provoca listas de espera para acceder ás consultas. Aínda que consideramos que están moi capacitados, non deixan de seren especialistas noutras disciplinas, “non en pediatría”. Esta circunstancia levou as familias dos tres concellos a reclamar “o dereito da mellor atención posible para os fillos e fillas” e en todo caso, “en igualdade con outras nenas e nenos do seu entorno”, porque estas nais e país, afirmou Olalla Rodil, “teñen dereito a ter unha asistencia pediátrica de calidade e nos seus concellos”.
Rodil denunciou “a capacidade que a enfermería pediátrica ten para abordar os coidados das criaturas en idade infantil, pero unha enfermeira pediátrica non é un servizo de pediatría”,e xa non vale facer trampas como o ano pasado que anunciaron que Outeiro de Rei contaría con asistencia pediátrica a tempo completo pero o que ía ter era pediatra un día á semana e enfermeira pediátrica tódolos días. “Ambas especialidades son importantes e complementarias e realizan traballo autónomo, pero non serven para intercambiar competencias”, sentenciou a deputada.
Non se trata pois da calidade dos profesionais, trátase da “calidade do sistema e das políticas sanitarias” que se deseñan e implementan para dar resposta ás necesidades da poboación.
“Os tres concellos compartían unha pediatra, 2 días en Cospeito que ten 318 crianzas, 2 en Castro de Rei con 440 e 1, o venres en Outeiro con 621 crianzas que quedan sen atención médica pediátrica”, o único que pedimos é que as persoas que fan a súa vida nestes concellos teñan un ou unha médica especialista á que levar ás súas rapazas e rapaces.
Olalla Rodil afirmou que os nenos e nenas son “o futuro do país” e neste caso, nos concellos de Lugo son “o futuro do noso rural”.
CONVOCATORIA DUNHA CONCENTRACIÓN
A veciñanza convocou por este motivo unha protesta para o mércores 23 de outubro ás 13:00 horas diante do Centro de Saúde de Castro Ribeiras do Lea.
"As familias afectadas, queremos expresar o noso profundo malestar pola situación inaceptable que estamos a vivir co servizo de pediatría nos Centros de Castro de Rei, Outeiro de Rei e Cospeito. A nosa pediatra, coma calquera profesional, ten todo o dereito a ausentarse por enfermidade ou outras razóns, pero as nosas familias tamén teñen dereito a que o servizo non quede sen cubrir, especialmente cando falamos da saúde das nosas fillas e fillos" explican.
"A falta de substitucións está a crear un baleiro na atención pediátrica que non podemos seguir tolerando. Non podemos depender de saber no mesmo día se haberá ou non servizo, e moito menos aceptar que a persoa que cubra non sexa pediatra. Isto non pode ser a norma nun sistema que debería garantir unha cobertura mínima e estable", engaden.
Os afectados fan un chamamento ás familias dos centros de saúde de Castro de Rei, Cospeito e Outeiro de Rei para que se coordinen e presenten reclamacións masivas. Poden facerse a través dos impresos dispoñibles nos centros de saúde ou mediante a app do Sergas coa Chave 365.
"A saúde das nosas crianzas non poden ser tratada como un servizo de segunda. Esiximos medidas inmediatas para garantir un servizo pediátrico constante e de calidade", conclúen.