O BNG busca a apertura do dique norte de Morás

TerraChaXa | LugoXa
O Grupo Provincial do BNG reclamou o inicio das accións necesarias para abrir ao tráfico comercial o dique norte do porto de San Cibrao.
30 Out 2019

O Grupo Provincial do BNG reclamou o inicio das accións necesarias para abrir ao tráfico comercial o dique norte do porto de San Cibrao. 

A formación nacionalista, que historicamente encabezou a demanda para aproveitar o dique norte de Morás como oportunidade económica para a comarca, volveu reclamar o uso público da estrutura a través dunha emenda de adición á proposta presentada polo PsdeG para a creación da autoridade portuaria de San Cibrao.

O voceiro do grupo, Efrén Castro, sostivo que se trata “dunha demanda de sentido común porque Alcoa, que ten o uso exclusivo do porto desde 1998, só está empregando o dique sur e estase a desproveitar unha estrutura que, acondicionada para o tráfico comercial, serviría para potenciar a economía da comarca”.

A emenda presentada polo BNG, e aceptada por todos os grupos, tamén reclama máis peso da Mariña na actual composición da Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao. “Aínda que se avanzase na segregación de San Cibrao, precisarase un tempo de transición no que se debería equilibrar a presenza lucense no actual órgano decisorio”.

O BNG defende que a composición se estableza en función da aportación que en concepto de taxas cada un dos portos fais aos ingresos da autoridade portuaria.

0.10003709793091