O BNG das Pontes propón para o consenso unha serie de medidas de ámbito municipal

TerraChaXa
O BNG das Pontes vén de elaborar un decálogo de medidas que consideran urxentes para aplicar no presente e que queren preparar en consenso con outros grupos políticos " para aportar e sumar ao obrigado esforzo conxunto que precisamos".
5 Abr 2020

O BNG das Pontes vén de elaborar un decálogo de medidas que consideran urxentes para aplicar no presente e que queren preparar en consenso con outros grupos políticos " para aportar e sumar ao obrigado esforzo conxunto que precisamos".

No capítulo de servizos públicos establecen as seguintes medidas:

• Colaborar co Sergas na compra de test rápidos para permitir a realización de probas ás veciñas e veciños.
• Tramitar, de urxencia, a participación no programa Xantar na Casa para garantir unha boa alimentación a maiores ou a persoas con pouca autonomía persoal.
• Manter, coa xestión municipal, os programas dos almorzos no Cole e o comedor escolar nos casos identificados como necesarios, cun servizo a domicilio.
• Poñer a disposición do CIM e da Xunta prazas hoteleiras na nosa vila para xestionar e garantir o aloxamento de mulleres maltratadas.
• Implantar, de urxencia, a tarxeta moedeiro ou un instrumento similar para as persoas con axudas de alimentos, o que facilitaría a compra nos comercios de proximidade.
• Ampliar os servizos da axuda a domicilio (perruquería, podoloxía, fisioterapia, ...) de xeito inmediato superado o estado de alarma sanitaria.
• Iniciar a planificación e posta en marcha de redes de intercambio e bancos de tempo para cando se levante o estado de alarma sanitaria.

Sobre a economía tamén teñen outra serie de propostas:

• Deixar sen efecto as taxas polos servizos municipais non emprestados (conservatorio, escola infantil, escolas municipais, …) e polos básicos para as veciñas e veciños (abastecemento e saneamento auga, recollida e tratamento rsu), segundo criterios económico-laborais, mentres se manteña a declaración de alarma sanitaria e aplicar descontos para o resto do ano.
• Implantar o pago fraccionado de taxas e/ou impostos municipais neste ano.
• Implantar, de xeito urxente, e coa colaboración dos provedores locais, o servizo de acceso ao internet, por consideralo básico e esencial, na totalidade do concello, e de xeito gratuíto mentres se manteña a declaración de alarma sanitaria.
• Identificar os casos que non se dispoñan de ordenador ou similar, e proceder, nun principio, á cesión por parte do Concello, para desenvolver un procedemento posterior de axudas para a súa compra.
• Creación dunha bolsa de emprego municipal para os servizos con traballos transitorios, esporádicos e/ou periódicos, nomeadamente nos que dan lugar á realización de horas extraordinarias (festas, conservación e mantemento, carpa, colaboracións con entidades asociativas locais, ...).
• Convocar bolsas de investigación para a xente nova empadroada no concello, no último ano de estudos (universitarios ou ciclos superiores de FP) ou titulados cun ano de antigüidade, con temáticas propostas polo Concello (patrimonio, medio ambiente, sanidade, economía, emprego, ...), por empresas da localidade (proxectos a desenvolver), ou polos propios interesados.

O último capítulo refírese á economía local:

• Deixar sen efecto as taxas polos servizos municipais básicos (abastecemento e saneamento auga, recollida e tratamento rsu) para autónomas e pemes sen actividade, presencial e/ou telemática, por alarma sanitaria, mentres se manteña a declaración, e aplicar descontos para o resto do ano.
• Considerar as actividades das autónomas e pemes pechadas, presencial e telemáticamente, por alarma sanitaria como de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias sociais e de fomento do emprego, aos efectos da bonificación do 95% da contribución aos locais nos que se desenvolven, sempre que sexan propietarios ou non paguen alugueiro algún durante o período da alarma sanitaria.
• Xestionar diante das entidades financeiras nas que o Concello ten os seus depósitos, coa finalidade de posibilitar o financiamento da liquidez das autónomas e pemes, condicionando a súa permanencia ao resultado positivo das mesmas.
• Elaboración, en cooperación con Cohempo, dunha rede de comercio local virtual para os considerados esenciais no estado de alarma, e amplialo á totalidade con posterioridade.
• Axilizar, de urxencia, os trámites que posibiliten a urbanización do poboado das Veigas, e comprometer a contratación de empresas e man de obra locais por parte de Endesa.

0.37595987319946