O BNG proporá manter os 1400mw de capacidadede evacuación da Central Térmica das Pontes
Na Comisión de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, o BNG, a través de Néstor Rego, levará a debate e votación unha iniciativa para manter os 1400 MW de capacidade de evacuación que tiña asignada a Central Térmica das Pontes no nó de Transición Xusta do Concello das Pontes.
Do mesmo xeito, a iniciativa recolle a necesidade de “proceder á convocatoria inmediata e urxente do Concurso de Transición Xusta para a adxudicación dos 700MW dos grupos 3 e 4 deste nó de Transición co mesmo procedemento empregado para adxudicar o acceso ao nó de Transición da CT de Andorra-Teruel, mantendo dispoñibles para o sistema os dous grupos restantes até que non se garantan as condicións socioeconómicas necesarias para unha verdadeira transición xusta coa execución de proxectos empresariais e industriais alternativos de continuidade, momento en que a súa capacidade tamén deberá ser obxecto de concurso”.
Por último, o BNG introduce na súa Proposición Non de Lei que o Congreso insta o Goberno do Estado a convocar de maneira inmediata e urxente da Mesa de Transición Xusta das Pontes “coa participación de todos os seus integrantes e unha representación de REDEIA como operador do sistema”.
Rematar coa discriminación das Pontes
“Xa non hai escusas para seguir demorando o Concurso de Transición. Urxe que se aclare todo o relativo ao nó de Transición das Pontes e que se impulse, coa maior brevidade posíbel, o Concurso de Transición das Pontes, unha importante ferramenta para evitar o desastre económico e social que suporá o fechamento da central térmica sen alternativas industriais nin laborais” asevera Rego.
Segundo expón o deputado nacionalista, é preciso rematar con esta situación que mesmo está provocando un grave impacto sobre a poboación. “É necesario que se consiga e se promova unha transición xusta real, que poida realizarse de forma progresiva e facilite a implantación de novos proxectos industriais para evitar a destrución de emprego e da capacidade económica”, conclúe Néstor Rego.