O BNG protesta pola contratación dun asesor de Alcaldía aprobado en Pleno

TerraChaXa
Votaron en contra da proposta, entre outras razóns, porque "non aclararon funcións concretas, nin quen será a persoa encargada"
pleno-guitiriiz
20 Feb 2025

O BNG de Guitiriz rexeita a contratación dun asesor por parte do goberno municipal aprobado no pleno do pasado martes cos votos a favor da equipa de goberno do PSOE.

O BNG denuncia que dende a Alcaldía non se aclararon nin as funcións concretas nin quen será a persoa que se vai contratar nin a data da contratación e sinalan que "isto nos fai desconfiar aínda máis, dado que ao ser un posto de confianza, a Alcaldía será a que contrate a dedo e non nós cremos que a decisión non este tomada previamente.

"Que teñen que agochar?" cuestiona Mónica Roca e engade "cales son as funcións específicas? Se é coordinar áreas, estaría a facer un labor propio da alcaldesa para o que foi elixida polos veciños e veciñas e, por outra banda, en que lugar quedan tódolos membros do goberno que, pese a ter dedicacións teñen que ver como se implantou unha figura para que os controle. É un encargado dos edís ou é unha alcaldesa privatizada?".

Afirman o partido que a contratación deste persoal de confianza por parte da Alcaldía vai supor adicionalmente a supresión de dúas prazas de peón de servizos múltiples a fin de que non se modifique o orzamento de persoal, o cal rexeitan tamén dende o BNG alegando que "este Concello precisa de todos e cada un dos seus traballadores para reverter a situación de excepcional abandono no que está. Isto non é problema de traballadores nin de coordinar áreas, é un problema de xestión do goberno, de ter claras as prioridades e os traballos a realizar e tamén de darlle aos traballadores e traballadoras as ferramentas axeitadas para realizar o seu traballo eficientemente" di a voceira do BNG.

"Privatizan o SAF co apoio do PP como vimos neste Pleno, privatizan a xestión enerxética do Concello como veremos pronto e até queren privatizar a xestión do goberno municipal", remata Mónica Roca.

0.18536019325256