O BNG reclama á Xunta medidas para evitar a explotación laboral de migrantes como pasou en Begonte

TerraChaXa
“As condicións de traballo e de vida dos temporeiros desta granxa estaban moi lonxe do mínimo esixido de dignidade humana”, dixo Montserrat Valcárcel
concentracion-surexport-unions-agrarias
5 Mar 2025

A deputada do BNG Montserrat Valcárcel reclamou ao Goberno do PP que adopte as medidas necesarias para evitar que en Galicia se produzan situacións de explotación laboral como a descuberta recentemente nunha finca agrícola de Begonte dedicada á produción de arandos.

Nesta explotación, segundo transcendeu o pasado mes de xaneiro, a Garda Civil descubriu que 82 persoas inmigrantes traballaban “cunhas condicións laborais e de vida que estaban moi lonxe de chegar aos mínimos exixidos pola normativa e pola dignidade humana”, denunciou Valcárcel.

A deputada nacionalista preguntou na Comisión de Agricultura polas actuacións da Administración galega para evitar situacións como a sufrida polos temporeiros e polas temporeiras desta granxa de Begonte, a maioría de orixe africana e desprazadas desde o sur de España por unha empresa de traballo temporal. Estas persoas, recordou, eran aloxadas nun antigo hotel da localidade de Ordes que carecía de licenza de hostalaría e polo que tiñan que pagar unha tarifa diaria, que se sumaba a outra polo desprazamento ata o campo de cultivo.

“Dende o punto de vista do debate político e tendo en conta que é obriga dos gobernos velar polos dereitos humanos laborais”, a deputada considerou “moi grave” a situación destas persoas, vítimas dunha trama empresarial dedicada a facilitar a contratación irregular de xornaleiros. Unha situación que, subliñou, non é nova, pois as primeiras denuncias remítense xa ao ano 2015.

No propio Parlamento este xa foi un tema de debate a raíz de iniciativas presentadas polo Bloque coincidindo coas protestas en 2021 pola morte dun traballador de Surexport, a empresa andaluza que explotaba as fincas nese momento. Daquela, lembrou, advertiuse tamén das consecuencias dun modelo de explotación agrícola-industrial para produtores locais “que se viron expulsados dos andeis dos supermercados por causa da competencia ilegal e desleal”.

Valcárcel advertiu que o caso da explotación de Begonte é un “exemplo concreto e dramático da grave situación de indefensión” na que se atopan persoas inmigrantes condenadas a miúdo a traballar en situación de irregularidade administrativa nun sector cunha elevada estacionalidade que require moita man de obra en pouco tempo e cunhas características específicas como a diversidade de tarefas, o traballo con maquinaria pesada e animais, o uso de produtos fitosanitarios ou outras sustancias químicas, elevadas esixencias de carácter físico, condicións ambientais que poden ser extremas ou baixo nivel de formación.

Razóns todas polas que o BNG considera necesaria a adopción de medidas específicas, subliñou a deputada, que durante a formulación da pregunta ao secretario xeral de Emprego, Pablo Fernández, emprazou á Xunta a protexer os dereitos laborais dos traballadores e traballadoras agrícolas, poñendo especial énfase en controlar as condicións de aloxamento e hixiénico sanitarias das persoas migrantes, que cada vez son máis numerosas nos campos de cultivo do País.

Valcárcel, que apelou a evitar unha “dobre vitimización” dos inmigrantes que veñen traballar o agro galego, deixou claro que as competencias sobre inspección laboral competen ao Estado pero subliñou que a Xunta, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral, ten que velar por que se cumpra a normativa e por garantir unhas condicións laborais dignas.

⚙ Configurar cookies
0.033782958984375