O BNG reclama á Xunta partidas orzamentarias para Guitiriz

TerraChaXa
Equipamentos deportivos, seguridade viaria son as principais reivindicacións da veciñanza
visita-motse-valcarcel-bng-guitiriz
14 Dec 2024

A deputada nacionalista no Parlamento Galego, Montse Valcárcel visitou o concello de Guitiriz acompañada polos concelleiros do BNG, Mónica Roca e Afonso Losada para informalos do rexeitamento da Xunta de Galiza das emendas que o BNG de Guitiriz presentou aos orzamentos da Xunta para o 2025 que tiñan a ver con aspectos substanciais que, de aprobarse, incidirían moi positivamente na calidade de vida das veciñas e veciños de Guitiriz, ao afectar á educación, á seguranza viaria entre outros.

Así, demandarase a mellora do arranxo do teito e do peche perimetral na parte superior dos laterais do pavillón do instituto IES Díaz Castro, para evitar que entre auga nas pistas. "É unha actuación imprescindíbel para mellorar o lugar onde a rapazada ten que facer educación física”, afirmou Montse Valcárcel, deputada nacionalista do BNG.

Así mesmo tamén se solicitara a mellora da seguranza viaria na LU-170 entre Momán e Xermade e a rozas das vías de servizo nesta estrada no municipio de Guitiriz.

Tamén se tiña reclamado a supresión das curvas perigosas existentes na LU-242 entre os KM 0,8 e 0,9, nas chamadas curvas do Río Pequeno o que “melloraría o acceso á vila de Parga e que son unhas curvas bastante perigosas” concreta a deputada nacionalista.

"E nun ano no que se evidenciou máis que nunca a falta de recursos na sanidade galega, bótase en falta partidas orzamentarias para a dotación de persoal preciso no Centro de Saúde de Guitiriz, a dotación para o funcionamento ordinario do consultorio de Parga para ofrecer un servizo óptimo a veciñanza e a reposición da atención pediátrica que xa estaba compartida cos concellos de Begonte e Rábade e que se suprimiu por completo", dixo.

Consideran que neste concello existe un grave problema de vivenda, "por iso lle presentamos unha emenda aos orzamentos da Xunta de Galiza para a creación de vivenda pública que permita que a mocidade se asente neste concello, pero está claro que a Xunta de Galicia o concello de Guitiriz impórtalle moi pouco e teno completamente abandonado".

0.13419580459595