O BNG reclama á Xunta que amplíe a Riotorto e A Pontenova o servizo de hospitalización a domicilio

O BNG reclamará no Parlamento que a Xunta de Galicia estenda a Riotorto e á Pontenova a cobertura do Servizo de Hospitalización a Domicilio (HADO).
O deputado parlamentar Daniel Castro e representantes dos grupos municipais presentaron este mércores a iniciativa, que busca garantir o acceso a este servizo ás veciñas e veciños destes concellos que o precisen.
Trátase, segundo se explica na proposta, dun servizo que permite achegar coidados hospitalarios ao domicilio dos pacientes e que se contempla, entre outros casos e sempre baixo indicación médica, para persoas con enfermidades crónicas complexas, anciás ou pacientes de oncoloxía.
A Xunta de Galicia presentou en 2019 un Plan Galego de Hospitalización a Domicilio, co compromiso de proporcionar a toda a poboación de Galicia un acceso equitativo a este servizo, pero seis anos despois, os concellos de Riotorto e A Pontenova seguen sen ter esa cobertura por parte do HULA, o seu hospital de referencia.
O deputado Daniel Castro explicou que “se trata dunha situación que discrimina ás persoas polo lugar de residencia, algo inaceptable cando falamos de servizos públicos básicos como a sanidade".
A voceira do BNG en Riotorto, Vanesa Gómez, indicou que a moción se presentará este venres no pleno municipal “para poñer enriba da mesa unha demanda que lle corresponde atender á Xunta de Galicia, pero que debería contar tamén co respaldo do goberno municipal que ten a obriga de traballar activamente por servizos públicos de calidade para a veciñanza”
“Non se entende que sexan os concellos máis afastados do Hospital os últimos da cola na implantación desta atención no domicilio”, destacou a voceira nacionalista que lembrou que “a falta deste servizo supón unha carga adicional para o centro de saúde onde a Xunta xa suprimiu unha das prazas de médico”.
O BNG da Pontenova levou a iniciativa a pasada semana ao Pleno municipal, que apoiou a proposta.