O BNG reclama de novo ao Concello que se posicione contra o parque de Satrebares

TerraChaXa
Acusou ao Goberno Local de "facer unha pantomima" durante o Pleno e ao PP "de poñerse de perfil" ante esta problemática
monica-e-afonso-bng-guitiriz
5 Feb 2025

O BNG de Guitiriz acusa ao Concello de mostrar "unha actitude condescendente" ante a problemática do proxecto do parque eólico de Satrebares.

No pasado Pleno, os nacionalistas presentaron unha moción para que o Pleno do Concello de Guitriz se posicionara en contra do proxecto, que afecta ás parroquias dos Vilares e Labrada.

Solicitaban concretamente "que o concello de Guitiriz se posicione pública e inequivocamente ao carón da veciñanza dos Vilares e de Labrada que rexeita este proxecto, manifestando a súa oposición a este megaparque ao igual que fixeron xa o Concello de Monfero ou o de Abegondo".

Tamén reclama que o Concello puxese ao dispor dos veciños recursos informativos e de asesoramento así como que fixera as súas propias alegacións "a fin de asegurarse a posibilidade futura de poder persoarse como parte afectada nunha eventual demanda de impugnación, de ser o caso".

A Alcaldía o mesmo día do Pleno propuxo cambiar o primeiro punto pedindo que puxera "que o concello de Guitiriz se posicione pública e inequivocamente ao carón da veciñanza do Concello de Guitiriz”. Considerou o BNG que deste xeito se baleiraba de contido a moción polo que non aceptou o cambio e esta foi rexeitada.

"Lamentamos esta actitude ante esta problemática que afecta de xeito considerable a multitude de veciños e veciñas, ás súas familias, ao seu modo de vida e tamén ao medio ambiente natural e ao Patrimonio que nos afecta a todos guitiricenses; así como tamén lamentamos que o principal partido da oposición, o PP, optara por poñerse de perfil. Dende o BNG de Guitiriz seméllanos lamentábel que a xustificación da posición política dos principais grupos do noso Concello e, sobre todo da posición da Alcaldía, sexa que dende o BNG animamos unha suposta confrontación entre veciños”, explicou a voceira.

"Isto é rotundamente mentira, hipócrita e politicamente detestable, e aínda mais lamentábel é a xustificación que nas redes se dá por parte do PSdeG-PSOE, asegurando que votaron en contra porque non se inclúen a tódolos veciños e obviando cínica e demagoxicamente que pretendían eliminar calquera rastro de oposición á instalación do Megaparque eólico. Amosan unha vez mais que toman por parvos aos nosos veciños e veciñas", engaden.

O BNG cre que o que pretendían que fóra unha declaración clara e contundente por parte do Concello de Guitiriz "converteuse nunha pantomima". Engade que os dous partidos "equiparan os supostos beneficios que se poden obter por parte dalgún veciño e tamén, porque non dicilo, por parte do Concello; co duro golpe que recibirán as ducias de veciños e veciñas que verán como se lles instala un megaeólico de 200 metros de altura a poucos metros das súas casas".

Afirman que o parque fará perigar "as máis de 30 traídas de augas veciñais afectadas, que sufrirá a instalación de torretas de alta tensión por riba dos seus lugares, que verá reducir o valor do seu patrimonio, das súas vivendas e fincas e que, en moitos casos, non van recibir nin a mais mínima compensación. Todo isto mentres outros fan un apetitoso negocio, xerando centos de miles de euros sen deixar máis que as migallas a quen sofre diariamente durante mais de 25 anos esta instalación".

Tamén afirman que se producirá unha afectación de espazos naturais de gran valor por estar incluídos en Rede Natura, "o que nos afectará a todos e todas medioambiental, sociolóxica e economicamente. Porén, dende o BNG instamos ao PSOE a abandonar esta posición de condescendencia coa instalación deste megaparque e ao PP a que abandone tamén o seu posicionamento de perfil diante deste problema".

Polo tanto, reclaman que se asuma "que son máis as afectacións e os danos que os beneficios, e que se posicionen claramente en contra deste proxecto para esixir a súa retirada.

0.16651391983032