O BNG reclama en Madrid un futuro para Endesa nas Pontes
Camiño de Madrid para apoiar a manifestación dos e das traballadoras da central de ENDESA nas Pontes, o candidato ao Congreso pola Coruña, Néstor Rego, ratifica o apoio do BNG para reclamar unha transición enerxética xusta que garanta o futuro da actividade e do emprego desta planta.
“É preciso unha solución xusta, son precisas alternativas ante o anuncio da empresa de cesar a actividade, porque se ben é evidente a necesidade dunha descarbonización e de levar a cabo unha transición enerxética, debe ser xusta socialmente con alternativas de emprego na vila e na comarca”, recalcou Rego.
Neste sentido, o Bloque reclama a constitución inmediata unha mesa de traballo na que participen todas as administracións, empresa e axentes sociais co obxectivo de elaborar un plan que garanta a actividade económica e os investimentos necesarios para o mantemento do emprego.
Rego tamén avanzou que o BNG vai utilizar a súa presenza no Congreso a partir do 10N para poñer os seus votos na Cámara baixa a disposición dunha solución viable para esta planta.
“O Bloque desde logo vai utilizar os seus votos no Congreso na próxima lexislatura, votos que serán decisivos nun previsible escenario sen maiorías absolutas, para condicionar unha solución rápida e inmediata de emprego nas Pontes e na súa comarca”, recalcou.
Nestor Rego e a portavoz parlamentaria de Industria, Noa Presas, encabezan a representación da formación nacionalistas que vai estar esta tarde na concentración de traballadores e traballadoras e de veciñanza da comarca ante a Cámara baixa, para reclamar unha solución de futuro para a planta de ENDESA.