O BNG reclama máis persoal para o centro de saúde de Castro
A deputada por Lugo no Parlamento galego do Bloque Nacionalista Galego, Carme Aira, declarou que ”o concello de Castro de Rei conta cun so médico para os máis de 5000 habitantes que ten. O outro centro de saúde que funcionaba no mesmo Concello, na localidade de Castro de Rei está pechado”. Subliñou que “esta situación é inasumible, a veciñanza non ten un servizo sanitario acaído e os profesionais teñen unha carga de traballo que non é soportable”
A deputada asegurou que este colapso está a provocar diferentes problemas, dende a falta de citas, tardanzas de até un mes para consulta, ou a falta de dispensación de medicación “as farmacias non permiten sacar máis medicamentos ás pacientes xa que non hai suficientes médicos para poder activalas, feito que está entorpecendo e poñendo en perigo os tratamentos das pacientes” explicou Carme Aira.
A nacionalista defendeu que "é preciso dar a volta ás políticas aplicadas nos últimos anos á sanidade pública galega. Para rachar a precariedade do Sergas é imprescindíbel dotalo de máis recursos materiais e humanos, especialmente na atención primaria” dixo Carme Aira.
O BNG presentará nos vindeiros días diferentes iniciativas no Parlamento galego para reactivar a atención primaria, e neste caso, a reposición urxente de persoal facultativo nesta localidade chairega.