O BNG reclama no Congreso unha transición xusta nas Pontes

TerraChaXa
Néstor Rego rexistrou unha iniciativa no Congreso para conseguir unha transición xusta para as centrais térmicas en peche como a das Pontes.
9 Feb 2021

O deputado do BNG, Néstor Rego, rexistrou unha iniciativa no Congreso ante a pasividade do Goberno do Estado para conseguir unha transición xusta para as centrais térmicas en peche como a das Pontes e Meirama. A formación nacionalista solicitou que a capacidade de acceso individualizada dos nós de evacuación afectados polo peche das térmicas fose pública para que se poidan presentar alegacións ao proxecto e mesmo trasladar información á Xunta de Galiza os casos do País.

Desde a organización nacionalista criticaron que, tras a publicación o pasado 5 de decembro da Orde de TED, se teñan criterios exclusivamente económicos e “non se contemplen ningunha das posibilidades legais para os territorios de transición xusta para os que non existe, a día de hoxe, referencia algunha en todo o texto”. Néstor Rego fixo fincapé en que a Lei 24/2013 do Sector Eléctrico permite que o Goberno estableza como requisitos para a concesión da totalidade ou de parte da capacidade de acceso de evacuación dos nós da rede afectados polos peches, que as empresas deban incluír e comprometerse a xerar beneficios sociais ademais de medioambientais. Isto suporía, que a concesionaria deba garantir un retorno social, en emprego e promoción da economía da comarca entre outros. Así mesmo, tamén permitiría que non se poda conceder a instalación de parques eólicos a empresas como Endesa, se antes non garante unha transición xusta na planta das Pontes.

O Goberno xa fixou un calendario indicativo das poxas, marcando un período entre 2020 e 2025, indicando os volumes mínimos de cada unha das enerxías renovábeis. Ditos volumes atenden única e exclusivamente a criterios económicos “pero nada referida a transición xusta nin menciona beneficios medioambientais nin sociais” indicaron desde o BNG. “Hai que dar unha resposta rápida aos desafíos máis urxentes para anticiparnos aos efectos negativos da denominada transición xusta: só no caso das Pontes, o impacto do feche desta central térmica en materia de emprego, considerando contribucións directa, indirecta, e inducida ou circular, elevaríase aos 1.750 postos de traballo” lembrou Rego.

“A actual compensación formulada polo executivo español non é realista. Simboliza o evidente prexuízo, en localidades galegas como a de Meirama ou As Pontes, e a perda de oportunidades que supoñen as decisións e actuacións que está asumindo o Goberno do Estado en para Galiza” destacou o deputado nacionalista. Así mesmo, incidiu en que “é prioritario e urxente publicar xa a capacidade de acceso nos nós de transición xusta da Galiza, de forma que sexa posíbel concretar todo o anunciado polo Goberno hai case dous anos cando comezaron a falar de transición xusta”.

 

0.091454029083252