O BNG reclama o arranxo da estrada que une Palas de Rei e Friol
O BNG de Palas de Rei reclama a reparación inmediata da estrada que une as localidades de Palas de Rei e Friol. “Que o PP pase das promesas aos feitos e a Xunta realice esta obra sen máis demoras”, indicou o voceiro do BNG en Palas de Rei, que engadiu que “a estrada LU-231, que une a Vila de Palas de Rei coa de Friol, leva moitos anos agardando por unha ampliación e mellora do seu trazado para prestar un servizo acaído ás necesidades e demandas dos veciños destas dúas vilas”.
Esta estrada atravesa máis de 15 pobos no seu traxecto. Pardellas lembrou que “en febreiro do 2010, o BNG xa levou ao Parlamento galego unha iniciativa para que se mellorase esta vía e en outubro do 2010, a Xunta de Galiza publica o “PLAN MOVE” onde incluía a Conexión Palas (A-54) - Friol – Begonte (A-6), con un percorridode 40 km e un orzamento de 32 millóns de euros” e sinalou “a pesares da previsión de que entrara en servizo o ano 2020, nada deso se fixo”.
Os alcaldes de Palas, Friol e Begonte fixeron públicas varias reunións coa Conselleira de Infraestruturas e Vivenda para impulsar esta obra, sen ningún resultado positivo. Tanto é así, que o pasado 5 de setembro de 2017, os propios deputados do PP presentaron unha proposta no Parlamento galego para “Instar a Xunta de Galicia a mellorar o trazado da rede autonómica de estradas no eixo Palas de Rei – Friol - Begonte”.
Para o BNG “todo esto demostra que os compromisos anunciados polo PP nos anos anteriores eran só propaganda”. As actuais vías que comunican estes concellos levan anos abandonadas e provocan graves prexuízos e riscos aos seus usuarios, polo que a veciñanza afectada esixe unha solución urxente a esta situación.