O BNG reclama o arranxo de humidades no centro de saúde de Outeiro de Rei

TerraChaXa | LugoXa
“Ninguén se podería imaxinar que esa situación se producise nunha consulta do HULA, nun despacho do Edificio Administrativo da Xunta ou no despacho do alcalde.
parede centro saude outeiro de rei
26 Out 2023

“Ninguén se podería imaxinar que esa situación se producise nunha consulta do HULA, nun despacho do Edificio Administrativo da Xunta ou no despacho do alcalde. O alcalde gasta miles de euros en gastos superfluos e irrelevantes, pero é incapaz de arranxar o lugar por onde pasan centos de persoas enfermas todos os meses”, manifestou o voceiro do BNG Xosé Ferreiro.

Para este Pleno Ordinario do concello de Outeiro que se vai celebrar hoxe, o BNG presenta unha moción de urxencia para que se arranxe dun xeito definitivo as humidades existentes dende hai máis de cinco anos nunha consulta de atención primaria no Centro de Saúde de Outeiro de Rei.

"Hai que ter en conta que é unha parede completa, a que dá ao exterior, e que esas humidades son unha fonte de fungos que son prexudiciais para a saúde, o que afecta dun xeito moi importante tanto ás profesionais que teñen que estar nese ambiente moitas horas cada día como ás propias persoas enfermas, as cales moitas delas van á consulta con problemas respiratorios, de alerxias, inmunodepresión ou calquera outro tipo de patoloxía, para as cales ese ambiente pode ser moi prexudicial. Todo iso fai que ese local, se non se lle dá unha solución, non sexa un local apto para traballar en calquera actividade, pero moito máis cando se trata dunha consulta médica", explican desde o BNG.

Segundo indican, en repetidas ocasións, ano tras ano dende hai máis de cinco anos, o alcalde se comprometeu a solucionar o problema. Ata o propio Conselleiro de Sanidade cando visitou o centro “tomou nota”. "Non só non se fixo nada, senón que o problema das humidades segue a ser aínda máis grave cada día que pasa", din.

“O alcalde gasta centos de miles de euros en caprichos, en gastos totalmente superfluos ou que poderían esperar, pero non é capaz de solucionar un problema tan básico como é ese. Iso demostra ben ás claras o aprecio que teñen pola Sanidade Pública e polo benestar tanto dos profesionais como das persoas usuarias”, continuou dicindo o concelleiro do BNG.

A Xefa Territorial de Sanidade é tamén a Tenente de Alcalde de Outeiro

Explican no BNG que a propia Xefa Territorial de Sanidade sexa tamén a tenente de alcalde de Outeiro e nunca, en ningún momento, fixese nada por arranxar a situación. “Mal poderá velar pola saúde da cidadanía se nin sequera é capaz de ter os despachos de medicina de familia do seu concello nunhas condicións dignas para que traballen as profesionais e para que se atenda ás persoas usuarias con certa garantía”, remataron dicindo dende o BNG de Outeiro.

Obras previstas no Centro de Saúde de Outeiro

"A desculpa neste momento do alcalde é que hai previstas obras nese centro de saúde que xa van solucionar o problema. Pero a realidade é que moitos anos antes de que se previran esas obras xa existía ese problema e, ademais, esas obras vanse demorar cando menos varios meses, senón anos, polo que a solución a este problema non pode esperar nin un día máis", conclúen.

0.19767308235168