O BNG retoma as manifestacións para esixir a reapertura do consultorio de Castro de Rei
O Bloque Nacionalista Galego de Castro de Rei continúa coa súa campaña para esixir a apertura do centro de saúde da localidade. Así convoca de novo á veciñanza a unha concentración este domingo 25 de agosto ás 13:30 horas diante do consultorio para mostrar o seu rexeitamento polo seu peche nos meses de verán.
Esta convocatoria, que se repetiu durante o verán, comezou cando se anunciou o peche do servizo dende o 15 de xuño ao 15 de setembro. “Compartimos a preocupación da veciñanza pois a experiencia demóstranos que o PP leva anos minguando a sanidade pública en Castro de Rei,” manifestou Olga García, concelleira do BNG en Castro de Rei. “Continuaremos coa defensa dos dereitos sanitarios da veciñanza pois é indecente que dende a Xunta co goberno municipal como cómplice pechen este consultorio dándolles igual os desprazamentos e a calidade asistencial da veciñanza, é unha situación indignante”.