O BNG retoma as mobilizacións nas Pontes en defensa da sanidade pública

A veciñanza das Pontes volverá concentrarse a partir desde xoves, 6 de novembro, diante do Centro de Saúde, convocada polo BNG baixo o lema “Non ao desmantelamento dos servizos de saúde”, para reclamar melloras na atención primaria e o mantemento dun servizo sanitario público e de calidade.
As concentracións, que se celebrarán todos os xoves ás 10:00 horas, dan continuidade ás mobilizacións iniciadas a comezos de ano e que o Bloque decidiu retomar ante o que considera unha situación insostible nos servizos sanitarios da vila.
Con representantes do BNG reiteraron o seu compromiso cun modelo de atención sanitaria próximo, accesible e centrado na atención primaria, que aposte non só pola curación, senón tamén pola prevención, promoción da saúde e coordinación cos servizos sociais e sociosanitarios.
Entre as principais reivindicacións da formación nacionalista figura a cobertura definitiva das prazas de pediatría, un servizo que —segundo denuncian— leva anos con deficiencias e inestabilidade, provocando que moitas familias teñan que desprazarse ata o hospital para recibir atención.
O BNG reclama tamén o reforzo do persoal médico, de enfermaría e fisioterapia, así como a cobertura inmediata de baixas e vacantes para evitar a sobrecarga dos profesionais. Ademais, demandan a incorporación de novos perfís profesionais, como psicoloxía, nutrición ou fisioterapia, e a implantación de servizos como raios X e transporte sanitario urxente.
“Defender a sanidade pública é defender o benestar da nosa veciñanza —sinalan desde o BNG—. Non imos permitir o desmantelamento dun servizo esencial para toda a sociedade pontesa.”