O BNG rexeita a privatización do servizo de recadación do Concello de Outeiro de Rei
O voceiro do BNG no concello de Outeiro de Rei, Xosé Ferreiro, informou que elevará ao vindeiro pleno municipal unha iniciativa para instar ao goberno municipal a iniciar os trámites oportunos para volver a contar co Servizo de Recadación da Deputación de Lugo para os trámites, información e cobro dos impostos municipais do concello de Outeiro de Rei. Xosé Ferreiro explicou que o alcalde de Outeiro de Rei decidiu abandonar o servizo de recadación da Deputación para darlle o negocio a unha empresa privada.
“O servizo de recadación da Deputación Provincial de Lugo oferta o seu servizo a todos os concellos da provincia, cobrándolles por ese servizo o 1% do recadado. Este é un servizo que aínda tendo os seus defectos, funciona razoablemente ben e dende logo bastante mellor que o que oferta calquera empresa privada” sinalou Ferreiro e engadiu “a adxudicación feita polo PP no concello triplicou, tan só de entrada, o custe do servizo de recadación, pois tenlle un custe directo ao concello do 3% do total do imposto recadado”.
“O servizo de recadación ten que volver a ser xestionado pola Deputación e non por unha empresa privada como impuxo o PP” afirmou Xosé Ferreiro e explicou que “ademais do 3% do total recadado co que se queda a empresa hai que engadir a cantidade de varias decenas de miles de euros que foron parar tamén á conta de beneficios da empresa privada polo transvase dos datos informáticos”.
Segundo os datos da Conta Xeral do ano 2016, soamente por impostos directos o concello de Outeiro recadou unha cantidade de 1.809.029,27 €. Tendo en conta só o pago directo á empresa privada así como o custe do transvase informático xa se superan amplamente os 65.000 €, cantidade a que hai que engadirlle o custe dos funcionarios e traballadoras ás que se tivo que pagar para a atención da cidadanía, que representan outras decenas de miles de euros.