O BNG solicita un aumento da contía das subvencións para as áreas de cultura e deporte
O BNG presentará no Pleno da Corporación Provincial Deputación unha iniciativa para que neste ano 2018 se recuperen as dotacións económicas que existían no ano 2015 para as subvencións de concorrencia competitiva das áreas de Cultura e Deportes. Ademais dende o BNG tamén se solicitará que as convocatorias das subvencións en concorrencia competitiva das áreas de Cultura e Deportes, correspondentes ao ano 2018, sexan convocadas no primeiro trimestre deste mesmo ano, levándose a cabo a súa resolución e publicación no segundo semestre do ano en curso.
Ferreiro explicou que “neste ano 2017, ao igual que aconteceu no ano 2016, as subvencións en concorrencia competitiva das áreas de Deportes e Cultura foron resoltas a finais do mes de decembro e publicadas xa entrado o mes de xaneiro do ano seguinte, cuestión que provoca que as distintas asociacións non teñan coñecemento do que lles podería corresponder antes de que remate o período para poder executar o gasto”. “Esto é unha complicación para moitas as asociacións que ante a súa precariedade económica non poden realizar o gasto ata saber se van dispor ou non da axuda ou coñecer a cantidade na que vai consistir esa axuda” concluíu o voceiro do BNG na Deputación de Lugo.
Non coñecer estes datos antes do prazo establecido para executar as actividades ou investimentos correspondentes, fai que o número de devolucións das subvencións concedidas sexa moi importante, quedando sen gastar unha boa parte do orzamento destinado a estas subvencións. Nestes dous últimos ano vese como as cantidades económicas destinadas a estas subvencións, repartidos por criterios estritamente obxectivos, se viron reducidas dun xeito importante, cuestión que está a afectar tanto a numero de asociación beneficiadas por estas subvención como a cantidade que lle corresponde a cada unha delas.
“A xestión do goberno socialista sobre estas axudas vén contradicindo o camiño iniciado polo BNG, tanto cando gobernaba nestas áreas como a que segue agora na oposición, propoñendo a instauración do Plan Único para os Concellos como medida para reducir a discrecionalidade á hora de repartir os cartos públicos e aumentar dunha forma moi importante as cantidades que de forma obxectiva e con criterios previos se reparten agora para os concellos” afirmou Ferreiro.