O BNG volve levar ao alcalde de Outeiro de Rei ante a Valedora do Pobo
Aseguran que no pasado Pleno de 28 de decembro, o rexedor impediu ao Grupo Municipal do BNG presentar unha das súas mocións, e nin sequera permitiu debater sobre a súa inclusión como urxente.
O Grupo Municipal de Outeiro de Rei presentou, en tempo e forma, un total de dúas mocións para defender no Pleno do pasado 28 de decembro: unha sobre a creación dun CIM na localidade e outra cun paquete de medidas de fomento da lingua galega.
Segundo explica o BNG, na Comisión previa ao Pleno, o alcalde de Outeiro de Rei decidiu "unilateralmente" que só unha delas sería informada e pasaría ao Pleno; "nun criterio arbitrario xa mantido noutras ocasións". Así, no Pleno, só a moción dos CIM puido ser debatida, aprobándose por unanimidade.
Durante o Pleno, o BNG solicitou debater sobre a vía de urxencia, para poder incluír a segunda moción, "mais o alcalde negou sequera esta posibilidade, retirando a palabra ao Grupo do BNG", explican.
Xa anteriormente o alcalde fora advertido da ilegalidade da súa actuación.
Como explican, xa no mes de outubro, o alcalde de Outeiro de Rei impedira o debate dunha moción do BNG, baixo o pretexto de que non se trataba dun asunto de competencia do Pleno. Esta prohibición valeulle o apercibimento da Valedora do Pobo, que o reprendeu pola súa actitude, e instou ao Goberno Local a aprobar un Regulamento das sesións.
"A data da presente este Regulamento non só non foi aprobado, senón que o Concello de Outeiro de Rei nin sequera informou á Valedora ao respecto, como esta demandaba na súa comunicación", di o BNG.
É por isto que o Grupo Municipal do BNG de Outeiro de Rei acode hoxe, por segunda vez, en amparo á Valedora do Pobo.