O bo tempo acompañou ao IX aberto da Pita de Mos en Castro Ribeiras de Lea
No vello campo de fútbol de Castro de Riberas de Lea, disputouse a 7ª xornada da LNB da conferencia NorLeste, que foi o IX aberto da Pita de Mos. O bo tempo acompañou nunha tarde excelente, pero menos fría do que se agardaba aos mais de medio cento de palanadores que se achegaron en busca das afamadas galiñas de Mos.
Xogar en herba non é doado, aínda que o chan ben segado atopábase en perfectas condicións e ninguén presaxiaba unha xornada tan cativeira en puntuacións. So cinco palanadores acadaron 20 ou mais puntos, o resto quedaron moi por baixo do seu rendemento normal.
No medio desa xeral debacle, xurdiu a figura dun dos mais veteráns palanadores da LNB que en varias ocasións ten bicado os laureles da fama e acadado importantes podios no mundo billardeiro. Como é habitual, nos primeiros postos Daniel (o Axterix da Billarda) deu todo un recital de habilidade e destreza no xogo conseguindo un pleno de 25 puntos, que o fixeron sair como gañador da xornada e dar un salto ata o primeiro posto da xeral. Soamente Regueiro, segundo con 23 puntos e Pepe de Outeiro, terceiro con 22, foron quen de seguir o ronsel do ribadense Billardeiro Musical.
Por parte das donas, aguantaron o tipo Geni e Paula que seguen por ese orden ao fronte da clasificación ainda que Lola Eiras foi a mellor. Esta palanadora ten a desventaxa de faltar a moitos abertos, o que a alexa de estar nos primeiros postos, aínda que calidade ten de sobra para loitar cas mellores.
En equipos, Troitas Bravas iguala a Carabullo e supérao por mellor puntuación individual. Un desexado triunfo longamente buscado en toda a tempada e que finalmente consiguen. O terceiro equipo foi Billardeiros Musicais.
Non estaba o día para varados, así que os especialistas tentárono sin éxito, so un fenomenal golpe de Markytos levou a billarda a rentes do varal, pero finalmente botouse pola parte de fora.
Rematada a xornada, e acompañando a Mario do clube de bolos O Cadaval, Francisco Balado, alcalde de Castro de Rei fixo entrega dos agasallos aos gañadores.
Unha galiña de Mos para o primeiro posto, que foi para Daniel de Billardeiros Musicais, segundo posto Regueiro de Troitas Bravas, primeiro palanador local Pepe de Outeiro de Chainzos-Cadaval (coincide co terceiro posto), primeira dona Lola Eiras de Polka Miseria.
Dúas ducias de ovos para primeiro equipo Troitas Bravas de A pontenova e unha ducia de ovos para o segundo equipo Carabullo de Ponte de Outeiro.
A vindeira xornada será o domingo 3 de febreiro no aberto do lacón de Meira. Parabéns e billarda sempre.
Logo desta sétima xornada, así quedan as clasificacións xerais:
Individual:
Daniel (Billardeiros Musicais)
Albino (Carabullo)
Chousa (Carabullo)
Manu Pozo (Billardeiros Musicais) 135 p
Sachas (Troitas Bravas)
Donas:
Geni (Billardeiros Musicais)
Paula (Chainzos-Cadaval)
Sara (Polka-Miseria)
Equipos:
Carabullo (Ponte de Outeiro) 553 p.
Billardeiros Musicais (Ribadeo)
Troitas Bravas (A Pontenova) 526 p.