O BOE recolle a autorización para a construción dos parques eólicos do Tesouro e Santuario
O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico publicou no Boletín Oficial do Estado a autorización administrativa a Enel Green Power, para a construción do parque eólico do Tesouro, de 50,4 MW de potencia instalada así como para a súa infraestrutura de evacuación. Conta con 7 aeroxeradores de 170 metros de diámetro e 115 de altura.
Esta instalación está relacionada co complexo loxístico que Enel está a tramitar, ante a Xunta de Galicia, nas antigas instalacións mineiras de Portorroibo, cun investimento de máis de 70 millóns de euros e que suporá a creación de 34 empregos directos e 44 indirectos no municipio.
Desde o Concello das Pontes, o rexedor local, Valentín González Formoso valora positivamente esta autorización xa que “supón a constatación de que As Pontes é a referencia de xeración de enerxía tanto convencional como renovable, adaptándose ao novo modelo enerxético da Unión Europea e do Estado”
“Este complexo eólico, xunto cos catro parques existentes no municipio, os dous encoros hidroeléctricos, a planta de hidróxeno e a planta de bombeo reversible proxectadas no municipio e o ciclo combinado de gas natural converten ás Pontes no maior complexo enerxético diversificado do Estado” engadiu González Formoso.
Nese mesmo sentido, González Formoso apuntou que “Non só xeraremos enerxía, senón que imos enfrontar o maior reto de cara ao futuro: almacenala” e explicou que “as plantas de hidróxeno e bombeo reversible terán un papel fundamental neste ámbito, 2converténdonos nunha referencia nacional do almacenamento e dixitalización da capacidade enerxética do sistema eléctrico”
Por outra banda, o rexedor sinalou a importancia do sector eólico, “peza fundamental da industria da enerxía eólica, un sector que xera 400 postos de traballo no Concello das Pontes, a través de diferentes compañías que abarcan todo o proceso produtivo dende o deseño de parques, pasando pola súa construción, transporte e instalación de equipos, e o seu mantemento.
Así mesmo a posta en marcha deste proxecto suporá ingresos recorrentes para o Concello das Pontes, que servirán para amortecer as perdas de ingresos polo peche da central térmica e permitirá que empregados de Endesa trasladados fóra das Pontes tras o peche da central e que aspiran a regresar ao municipio podan facelo.
Tamén foi aprobado o proxecto doutro parque eólico da mesma compañía, o Santuario, que comparte espazo entre As pontes e as localidades luguesas de Xermade, Vilalba e Guitiriz. Trátase dunha instalación con 161 MW, composta por 23 aeroxeradores de 170 metros de diámetro e 115 de altura.