O Burela FS imponse na final da Copa Galicia de Fútbol Sala Feminina contra o Castro FSF en Lugo

O Pavillón dos Deportes de Lugo acolleu unha emocionante final da Copa Galicia de Fútbol Sala Feminino, na que o Burela FS se alzou co título tras vencer ao Castro FSF nunha intensa tanda de penaltis.
A cita, que contou co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, reuniu a dúas das grandes referencias do futsal feminino galego nun espectáculo deportivo de alto nivel.
O vicepresidente da Deputación, Efrén Castro, estivo presente no encontro e felicitou a ambos os equipos pola súa entrega e calidade. “Foi unha mostra do gran nivel do fútbol sala feminino na provincia, con dous equipos que ofreceron un gran espectáculo deportivo”, afirmou. Castro tamén quixo destacar “o bo ambiente no pavillón coas afeccións apoiando en todo momento ás súas xogadoras”.
A organización desta final forma parte do compromiso da Deputación de Lugo co deporte feminino e co fútbol sala, sendo a principal patrocinadora tanto de Burela FS como de Castro FSF. A celebración do torneo contou coa colaboración do club Ribeira FS, anfitrión das finais da Copa Galicia, que continúan esta mesma tarde coa disputa da final masculina.
Esta xornada supón un novo fito para o fútbol sala da provincia, que continúa a demostrar o seu potencial competitivo e a súa capacidade de mobilización social arredor do deporte.