O Burela FS pasa a oitavos da Copa do Rei ao vencer ao Santiago

TerraChaXa | AMariñaXa
O Burela FS pasa a oitavos da Copa do Rei ao vencer ao Santiago por (2-5) e que lle outorga o billete para a eliminatoria do 15 de decembro.
02
25 Nov 2020

O Pescados Rubén Burela FS estreouse na Copa do Rei cunha vitoria sobre Jerubex Santiago Futsal (2-5) que lle outorga o billete para oitavos, eliminatoria prevista para o 15 de decembro. A pesar de tomar a iniciativa nos primeiros compases, os pupilos de Juanma Marrube tiveron que traballar para non deixar escapar a competición tras a resposta dos locais no regreso do descanso, empatando e poñéndose por diante. Nos seis últimos minutos, un dobrete de Renato e a aparición de Iago sobre a bucina sentenciaron con contundencia a rolda. 

Emoción de derbi, igualdade e intensidade reinaron esta tarde en Santa Isabel. O duelo de grandes coñecidos arrincou con vantaxe para os mariñáns cun dos moitos xogadores laranxas con pasado compostelán. Quintela, no minuto 3, aproveitou o rexeite que se estrelou contra o traveseiro de Renato. Cunha gran presión laranxa e o partido controlado, tentárono tamén David Pazos e Javi Rodríguez. Moi atento estivo Míchal para evitar o empate nun zurdazo de Brian, tras o ecuador do primeiro acto. Volveu tentalo o de Arzúa pero fóiselle por pouco (minuto 14) e ante Lucho máis tarde (minuto 17) apareceu a man do meta santiagués.

Os locais recuperaron táboas tras o descanso nunha contra culminada por Cristian e en tan só dous minutos puxéronse por diante, con Saúl. Respondeu Pescados Rubén Burela con forza; Renato rozou o pau segundos despois e no 25 por fin se materializou de novo o empate cunha volea con selo de Álex Diz. A recuperación de iniciativa no luminoso para o Pescados Rubén Burela tivo marca dunha das Xoias, no minuto 34, con dobre penalti transformado por Renato. O 35 de xogo cumpríase coas dúas escuadras condicionadas pola acumulación de faltas. Cada vez quedaba menos tempo; tras a tentativa de David Pazos, Renato volveu facer acto de presenza no 39 para ampliar as distancias en contragolpe, que completou Iago Míguez sobre a bucina para selar o pase á seguinte eliminatoria con claridade. 

0.13511395454407