O burelés Simón Río incorpórase ao Ría de Foz
A directiva do club de atletismo Ría de Foz comunicou a incorporación do atleta burelés Simón Río. Con esta incorporación, o club focego suma un valioso corredor que aumenta, de maneira exponencial, o nivel deportivo e competitivo da propia entidade.
Simón Río é un atleta de consolidada traxectoria no panorama do fondo galego e estatal. O atleta burelao pode presumir de ter corrido 5 dos 6 Marathon Majors, cunha mellor marca persoal de 2h23’ en Londres, onde quedou de 10º entre os non-elite, ou terceiro mellor español en New York e segundo en Chicago.
Fóra dos Marathon Majors o seu palmarés segue a ser moi brillante. Simón foi campión absoluto no maratón en pista de Eastbourne (Reino Unido) e terceiro absoluto no Paavo Nurmi Marathon (Turku, Finlandia). Ademais, recentemente, no Maratón de Varna (Bulgaria) ocupou o sétimo lugar da clasificación, sendo o primeiro dos atletas nacidos en Europa, para deixar o crono a menos de 2 minutos da súa marca persoal.
A nivel das carreiras populares de ámbito galego, destacamos a conquista do Tour Mariña 2018, cando gañou 8 das 10 probas nas que participou, ou o primeiro posto no 10k de Coruña 2019 paralelo ao maratón.
Así, desde a directiva do club atletismo Ría de Foz, amósanse moi felices pola incorporación do atleta Simón Río ás súas filas e quixeron trasladarlle unha calorosa benvida. Ademais do excelso palmarés persoal, Simón representa uns valores persoais de esforzo, sacrificio, constancia e superación dignos de admirar nun deportista a día de hoxe.