O Buriz celebrará o 21 de marzo a Burizada 2026 con música, comida popular e actividades para todas as idades

A parroquia do Buriz, no municipio de Guitiriz, acollerá o vindeiro 21 de marzo a celebración da Burizada 2026, unha xornada festiva que combinará música, gastronomía e actividades pensadas para todas as idades. O evento terá lugar no campo da festa do Buriz e contará cun amplo programa de propostas ao longo de todo o día.
A festa comezará coa sesión vermú, a partir das 13.30 horas, na que se celebrará tamén un baile acompañado da música de DJ Magick. A continuación terá lugar a comida popular, na que se servirán pratos como callos, costela asada e patacas, ademais de sobremesa e café.
Os prezos establecidos para participar na comida son gratuítos para nenos e nenas de 0 a 5 anos, mentres que os de 6 a 10 anos deberán aboar 15 euros e as persoas adultas 30 euros.
Durante a comida celebraranse tamén diversos sorteos e, xa pola tarde, a programación continuará con partidas de bingo para animar o ambiente entre as persoas asistentes.
A xornada prolongarase pola noite cunha nova proposta gastronómica na que non faltarán chourizos e liscos para os asistentes, todo iso acompañado pola música de DJ Francis. Ademais, a organización instalará unha carpa calefactada para garantir o confort das persoas participantes.
As entradas para participar no evento poderán retirarse ata o 16 de marzo a través das persoas encargadas da organización.