O Camiño de Santiago de Vilalba a Baamonde
Dentro do Camiño de Santiago polo Norte, Baamonde é unha das paradas reguladas para pasar noite. O camiñante vén desde Vilalba nunha etapa moi divertida, para nada monótona, que penetrará nun mundo de contrastes, camiños, pistas e contornas rurais de extraordinaria beleza ata atopar o final de etapa nesta vila agarimosa.
O correcto é despedirse de Vilalba saíndo desde a praza de Santa María en dirección a Baamonde. Neste primeiro tramo pasaremos a sinal que indica os 120 quilómetros que faltan ata Santiago. Cruzaremos dúas pontes, a primeira sobre o río Madalena e a segunda sobre o río Trimaz, a Ponte Rodríguez. Neste tramo está a única subida que ten percorrido e que nos permite chegar logo duns quilómetros a San Xoán de Alba, ao pé da N-634.
Unha vez superamos San Xoán de Alba, unha mouteira indícanos un cruzamento sobre a estrada nacional que dá un pequeno rodeo por unha capela. A recomendación é omitir este rodeo, e continuar recto pola beiravía da estrada ata internarnos nun camiño de terra que nos levará ata Pedrouzos.
Desde aí, continuaremos camiñando, pasando por un bonito carreiro arborizado. O noso primeiro punto de referencia neste tramo, será a Ponte de Saa, unha bonita ponte medieval que cruza o río Labrada e que está situada no vello camiño que unía Vilalba con Parga e Sobrado dos Monxes.
Volveremos topar coa autovía, que haberá que superar polo túnel. Cruzaremos de novo a N-634 e por pistas asfaltadas chegaremos ao indicador da parroquia de Pígara, onde está situada a mouteira que indica 108,458 quilómetros a Santiago. Seguiremos en dirección Ferreira e pasada esta localidade sairemos de novo á nacional, no punto quilómetro 638 e á altura dunha gasolineira.
Pola beiravía da estrada e 50 metros antes de chegar ao quilómetro 639 desviámonos por un camiño a man esquerda que nos volve a sacar á nacional. Tras pasar baixo a ponte da A-6 entraremos en Baamonde, localidade do concello de Begonte e fin da viaxe.
Durante o camiño, superaremos os lugares de Lamela, As Penas, Casasnovas, Casa Muiño e Castiñeira, para pouco despois chegar a Baamonde.
Nos 18 quilómetros que transcorren desde que saímos de Vilalba, penetrámonos progresivamente nun tramo do camiño tranquilo, natural e rural, sen apenas poboacións nin servizos ata Baamonde.
É esta unha localidade moi ben situada. Xusto á entrada desemboca a N-634 coa N-6 e pasa a autovía que une Madrid e A Coruña, á A-6. É unha pequena poboación duns 300 habitantes que celebra as súas festas o 11 de setembro, día da Virxe do Rosario de Baamonde.
A igrexa parroquial de Santiago é o monumento máis famoso do concello. É de estilo románico de transición, do século XIII, e consta de nave e ábsida rectangular e oxival do século XIV. Fronte á igrexa hai un cruceiro triplo do século XVIII e un castiñeiro esculpido no seu interior cunha escultura de Víctor Corral. Preto da igrexa están os restos da antiga fortaleza de Amarante destruída polos Irmandiños.
A Casa museo de Víctor Corral é outra visita obrigada. Do coñecido escultor nado en Baamonde, onde poderemos admirar obras realizadas con diversos materiais como o granito, o bronce e a madeira.