O Campionato de España da Clase Vaurien celebrarase nas Pontes a próxima semana

TerraChaXa
O evento conta coa colaboración da Asociación Nacional da Clase Vaurien, a Real Federación Galega de Vela, o Concello das Pontes e a Deputación da Coruña
presentacion-campionato-vela-as-pontes
24 Mar 2026

As Pontes acollerá do 1 ao 5 de abril de 2026 o Campionato de España da clase Vaurien, unha cita deportiva de ámbito estatal que terá lugar no Lago das Pontes e que estará organizada polo Club de Vela Fluvial As Pontes por delegación da Real Federación Española de Vela.

O evento conta coa colaboración da Asociación Nacional da Clase Vaurien, a Real Federación Galega de Vela, o Concello das Pontes e a Deputación da Coruña. Durante a presentación oficial déronse a coñecer tamén o logo e o cartel que representarán esta 62ª edición do campionato.

O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, destacou a importancia de acoller unha proba destas características: “Este campionato supón unha gran oportunidade para seguir posicionando As Pontes como un referente no ámbito dos deportes náuticos e para poñer en valor o noso lago como espazo privilexiado para a práctica deportiva”.

Pola súa banda, a concelleira de Deportes, Elena López, sinalou que “a celebración desta competición é o resultado do traballo conxunto das entidades deportivas e das institucións, e permitirá dinamizar a actividade deportiva e económica do municipio durante eses días”.

No acto de presentación participaron representantes da directiva do Club de Vela Fluvial As Pontes, así como membros da corporación municipal.

O Campionato de España da clase Vaurien reunirá nas Pontes a regatistas de todo o país, consolidando o municipio como escenario destacado para a celebración de eventos deportivos de alto nivel.

0.11632394790649