O Campionato Galego de Velocidade 2026 percorrerá varios circuítos da comarca

O Campionato Galego de Velocidade (CGV) 2026 xa ten calendario confirmado e levará a emoción do motociclismo a distintos puntos da comarca ao longo dos próximos meses. A competición, organizada coa colaboración da Xunta de Galicia e a Federación Galega de Motociclismo, reunirá a pilotos de diferentes categorías nunha cita clave para o deporte do motor na comunidade.
O calendario arrincará no circuíto das Pontes o 12 de abril e continuará no mesmo escenario o 5 de xullo e o 13 de setembro. Pola súa banda, o circuíto de Pastoriza acollerá probas os días 17 de maio e 21 de xuño, mentres que o circuíto da Madalena será escenario de carreiras o 7 de xuño e o 26 de xullo.
A competición contará con varias categorías, entre as que destacan minimotos 4.2, MiniGP 110 e MiniGP 160, así como Superbikes e modalidades de motos clásicas tanto de dous tempos como de serie produción. Este amplo abano permite a participación de pilotos de diferentes idades e niveis, fomentando tanto a base como a competición de alto nivel.
O campionato consolídase como unha das principais citas do motociclismo galego, atraendo tanto a afeccionados como a participantes de toda a comunidade. Ademais, supón un impulso para os concellos que acollen as probas, contribuíndo á dinamización económica e turística das zonas.
Desde a organización destacan a importancia deste tipo de eventos para promover o deporte do motor en Galicia e seguir fortalecendo unha canteira de pilotos con gran proxección.